Ana Pastor e Irene Garrido amosan en Vigo o apoio do PP ás pequenas e medianas empresas
12, xullo, 23.-
As número 1 e 2 do PP de Pontevedra ao Congreso, Ana Pastor e Irene Garrido, amosaron hoxe en Vigo o apoio dos populares ás pequenas e medianas empresas, que supoñen o 99,8% do tecido empresarial do país, e destacaron que o programa de Feijóo aposta por mellorar a xestión, facer unha política de equilibrio orzamentario e fiscal axeitada e reverter os impostos.
Foi durante o encontro que mantiveron esta mañá con empresarios na Cámara de Comercio de Vigo, no que tamén participaron a candidata ao Senado, Nidia Arévalo, e a presidenta local, Marta Fernández-Tapias. Pastor sinalou que “queremos escoitar aos empresarios e falar tamén de todas esas infraestruturas que necesita Vigo e que son fundamentais para mellorar a nosa competitividade e que, despois de cinco anos de Goberno sanchista, non temos absolutamente ningún avance”, sinalou Pastor. Referiuse, por exemplo, á saída sur ferroviaria e a conexión con Portugal, ao Corredor Atlántico e á aposta polo sector da automoción do que, nesta cidade, dependen moitas empresas auxiliares. “Temos no noso proxecto político un plan de reindustrialización. Queremos potenciar o Porto de Vigo, a conexión tan importante coa Plisan. E temos tamén todas esas infraestruturas viarias que levan prometendo tempo e que seguen sen facer e para as que aínda non teñen nin proxectos”.
Tamén Irene Garrido destacou que “temos un gran programa e un gran proxecto para poñer as cousas a funcionar”, e explicou que “Feijóo mudará a política do gasto desmesurado que vai deixar unha herdanza nefasta ás novas xeracións pola política do equilibrio orzamentario, para estar liderando cos grandes países de Europa e facilitar que a nosa economía volva á senda correcta, tanto nas grandes variables de déficit, de débeda, de inflación e emprego, como tamén a economía real, que é a que se chega cando se melloran as grandes cifras”.
Por último, lamentaron o triunfalismo dos socialistas respecto da situación económica e apuntaron que hai moitas familias que o están pasando mal, que non chegan a fin de mes, que como xa advertiu o Banco de España máis de un millón de familias non teñen recursos para atender as súas necesidades básicas. “Esta é a política que di Sánchez que vai como unha moto, pero xa estamos acostumados porque Zapatero, que agora o sacan a pasear por toda España, era o dos brotes verdes e cando o PP accedeu ao Goberno, non é que as arcas públicas estivesen baleiras, é que ademais estaban cheas de facturas sen pagar”.