Somoza: “O bipartito minte cos Orzamentos, nin é mellor actualizalos que aprobar uns novos, nin se fai por operatividade, senón polos graves desacordos dos dous alcaldes”
Rodeiro, 20 de novembro de 2025.-
A voceira municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, valorou hoxe moi negativamente o rumbo das contas públicas do Concello como consecuencia da “desfeita de xestión” do bipartito que se confirma co pleno extraordinario convocado para mañá e que contempla exclusivamente medidas de carácter económico e unha nova prórroga dos Orzamentos Municipais malia que o bipartito dixo á súa chegada, en xuño de 2023, que a súa aprobación era unha prioridade.
“Dixeron que había que aprobar uns Orzamentos hai trinta meses e dixeron ben, pero non fixeron o que habían prometido e que era máis que necesario para Rodeiro. E ademais agora, con total desvergoña, minten cos Orzamentos, xa que non é mellor actualizalos, que é a maneira fina de dicir que os van prorrogar por terceiro ano consecutivo, que aprobar uns novos. Sempre é mellor para os veciños ter as contas aprobadas en tempo e forma e ademais esta prórroga non se fai por operatividade, senón polos graves desacordos, cada vez maiores, entre os dous alcaldes Camiñas e Lamazares”, apreciou a concelleira popular.
A edil explicou que no pleno debaterase a enésima prórroga das contas públicas, diferentes modificacións e suplementos de créditos “para tapar todos os buratos” e ata 17 pagos de facturas e axudas reparadas polo departamento de Secretaría-Intervención comprometidos de xeito ilegal, “o que confirma que a esquerda de Rodeiro volveuno facer e volveuse superar a sí mesma, xa que, tras trinta meses ao fronte do Concello, xa nos teñen outra vez ás portas do abismo económico igualiño que no ano 2011”.
Somoza calificou de “surrealistas” as explicacións do bipartito alegando que non sería operativo aprobar agora os Orzamentos, posto que habería que actualizalos nuns meses, “cando iso é normal, que as contas públicas se actualicen cada doce meses, que se chama, por se non o saben, aprobar os Orzamentos e é o máis beneficioso para os veciños”, ironizou, antes de lamentar que todas estas medidas económicas deixen ben claro o pouco que se vai facer en Rodeiro nos próximos meses. Así, as modificacións crediticias contemplan a compra dunha varredora, o arranxo de catro camiños, a restauración de treito do Río e unha planta fotovoltaica.
A voceira tamén apreciou dous detalles moi significativos, xa que a partida de Cultura vaise incrementar en 20.000 euros e aínda así está por debaixo dos 95.000 euros que o goberno do PP investía nesta materia en 2019, “o que demostra a súa nula aposta por esta área e os recurtes xeralizados do bipartito”, e tamén que os fondos en camiños pretenden medrarse en 80.000 euros, “o que apenas dá para menos de un quilómetro e medio”.
Ademais, engadíu que todas estas accións vanse financiar con 200.000 euros do sobrepago do Imposto de Bens Inmobles (IBI) no marco da “suba brutal” que lle están metendo aos veciños e con 365.000 euros de remanente, “polo que estimamos que xa teñen case a cero os 1,6 millóns de euros que lle deixou o anterior goberno do PP”.
Discriminación aos colectivos de Rodeiro
Por outra banda, a concelleira popular amosouse moi crítica co feito de que o bipartito leve a pleno a súa intención de levantar reparos de ata 17 pagos de facturas e axudas para festas, eventos, actuacións, trofeos e asistencias técnicas coa súa simple aprobación na sesión, malia que o departamento de Secretaría-Intervención sinalou no seu informe que a concesión destas contías “viola a lexislación, xa que se trata de axudas públicas agochadas e que non están suxeitas aos principios de publicidade e concorrencia”.
“Fan unha xestión económica nefasta e contraria aos intereses dos veciños e aderézana con estas cacicadas que, malia ser unhas ilegalidades manifestas apreciadas polos técnicos municipais, pretenden levantalas en pleno, loxicamente sen o apoio do PP, para poder sacalas adiante”, engadíu Somoza, que revelou que esta mala praxe afecta directamente a colectivos locais, como os organizadores das festas ou Cabaleiros do Faro, “que se ven discriminados e tardan meses en cobrar porque non lles conceden axudas directas, que se pagan en trinta días, como si fan con entidades de fóra do noso concello”.