Somoza: “Lugués investíu 2 millóns de euros en Rodeiro desde a Deputación, pero a Camiñas aínda o estamos agardando e ten unha oportunidade coas 18 pistas intransitables”

Rodeiro, 30 de agosto de 2025.

“É certo que en Rodeiro se investiron 2 millóns de euros nestes dous anos, pero tamén o é que estes cartos foron investidos exclusivamente por Lugués desde a Deputación de Pontevedra, porque ao alcalde Camiñas aínda o estamos agardando todos os veciños. Pero en todo caso, ten unha oportunidade magnífica de que o seu marcador deixe de estar a cero se aproba a nosa moción e mellora de xeito integral un total de 18 pistas que están totalmente intransitables”. Deste xeito, a voceira municipal do PP, Cati Somoza, puntualizou e corrixiu ao rexedor e animouno a acometer dunha vez por todas a necesaria mellora da rede viaria local despois de que, a comezos de mandato, tumbara un proxecto do anterior executivo para arranxar 14 pistas con 800.000 euros do remanente.

A concelleira popular replicoulle ao alcalde que o Concello nin adicou a obras nin un euro de fondos propios nos 26 meses do presente mandato municipal, xa que todo o diñeiro destas actuacións procedeu da Deputación e tamén da Xunta de Galicia, “que temos a sorte de que son administracións gobernadas polo PP e comprometidas e sensibilizadas con Rodeiro, porque  se foran tan sectarias como o PSOE desde o Goberno de España íamos estar á miñoca”.

“Camiñas ten a sorte de que o presidente da Deputación e concelleiro de Rodeiro é un cambote de pro e está rescatando ao Concello da mala xestión do bipartito porque coas súas importantes transferencias de cartos evita que esteamos na nada máis absoluta”, detallou.

Por elo, Cati Somoza insistirá no pleno de mañá na aprobación dunha moción para a mellora das citadas 18 pistas, pero tamén presentará outras iniciativas plenarias, baixo o formato de rogos ou preguntas, sobre as obras de conservación e mantemento do colexio antes do curso escolar “que parece que comezará timidamente dunha corta de arbustos despois de que levaramos esixindo numerosas actuacións desde xuño” ou sobre a suposta presentación dun proxecto de Orzamentos Municipais, “que levan prometendo desde hai dous anos e que era unha absoluta prioridade, pero que choca co enfrontamento e diferentes intereses económicos dos dous alcaldes do PSOE e UxR”.

Así mesmo, a voceira popular tamén se interesará na sesión polos expedientes e as actuacións para a limpeza de franxas secundarias das aldeas como medidas de prevención ante os lumes forestais, a corrección de deficiencias e eivas na obra de mellora da rúa B, a necesaria eliminación da obriga de comprar un material determinado aos usuarios do Punto de Atención Infantil (PAI) no novo curso, o estado do campo de fútbol ou a lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).