Somoza denuncia a “absoluta parálise” do Concello con obras de 2025 sen iniciarse, pistas estragadas, abandono do colexio e as instalacións deportivas e sen rozas anti-lumes
Rodeiro, 24 de xuño de 2026.-
A voceira do grupo municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, vén de denunciar, co gallo do terceiro aniversario da investidura de José Luis Camiñas e da conformación do goberno bipartito, a “absoluta parálise” que está a sufrir o Concello, con graves consecuencias directas para os veciños, por ter obras doutras administracións aprobadas en 2025 sen iniciarse, afrontar o verán coas pistas totalmente estragadas, o abandono do colexio e as instalacións deportivas, a precariedade e a lista de agarda do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) tras perder 180.000 euros da Xunta ou o risco para a xente e o territorio por ser un dos dous únicos municipios da provincia sen convenio con Medio Rural para acometer rozas de prevención de lumes.
“Este segundo bipartito de esquerdas leva tres anos sen arrancar, lembrándonos tristemente ao anterior que sufrimos en Rodeiro, cun José Luis Camiñas que nin xestiona nin lidera, pero o do último ano está a ser terrible, co diñeiro concedido por outras administracións, principalmente a Deputación, sen empregarse ou con diñeiro ofertado pola Xunta que se deixou pasar simplemente por non ser solicitado. Estamos ante unha situación política moi crítica”, manifestou a concelleira popular.
En primeiro lugar, lamentou que os 463.753 euros do +Provincia 2025 teñan as obras contratadas e sen iniciarse, o que impide a mellora de pistas en Santa Baia, Fafián (Vilachá e Cubelos), San Salvador (Parrocha, Eirexe-Xabalde e Xabalde-Bagar), Negrelos (Lama de Mena e acceso a granxa) e O Az (Vilameá-San Cristovo).
Nesta mesma liña de parálise, a edil indicou que o remate do centro de uso asistencial, orzamentado en 1,1 millóns de euros e para o que Deputación e Xunta concederon 650.000 euros, segue sen ter pechado o financiamento 456 días despois e hai serio risco de que se perdan os cartos sen facer a obra polo posible incumprimento dos habituais prazos de xustificación.
“Entre os cartos paralizados e os perdidos supéranse os 1,5 millóns de euros, unha cifra que demostra a gravidade do momento, e ademais co risco, dada a mala situación actual do goberno local, de que se perdan máis fondos e oportunidades”, sinalou Somoza, que tamén lembrou que as labores de mantemento do colexio están sen atender a as instalacións deportivas atópanse totalmente esquecidas. Así, concretou que as pistas de pádel foron inauguradas o 1 de maio de 2025 e nin sequera van poder ser utilizadas no verán de 2026, mentres que o pavillón, tras unha reforma da cuberta con 200.000 euros conseguidos pola anterior xestión do PP, leva dous anos de filtracións, pingueiras e entrada de importantes cantidades de auga que impiden o seu uso normal.
Continuando coas obras mal executadas, Cati Somoza mencionou a reforma da rúa B, con importantes eivas que provocan un novo desaproveitamento de fondos provinciais, mentres que tamén lamentou cuestións que non se activan nin se executan, como a limpeza do lago do río, a reparación da práctica totalidade das pistas do rural, que se atopan estragadas e moi deterioradas, o acondicionamento das parcelas do polígono ou as rozas de prevención de lumes malia que Rodeiro xa sufríu tres pequenos conatos a pasada primavera.
Finalmente, a voceira do PP tamén lamentou que o Concello leve todo o mandato sen uns orzamentos actualizados e afronte xa o seu cuarto exercicio consecutivo sen unhas contas –de gran importancia dado o incremento dos prezos dos materiais, dos salarios e do custe dos servizos– tras lembrar que José Luis Camiñas sostivo que era unha auténtica prioridade. “Cremos que non saben facer un orzamento e ademais hai graves desacordos entre eles sobre as partidas, polo que, aínda que prexudique aos veciños e falten á súa palabra, temémosnos que imos rematar o mandato sen proxecto económico que, ao final, é síntoma claro da parálise xeralizada do Concello”, concluíu.