Somoza acusa ao bipartito de “esquilmar” o remanente, que baixou de 1,6 millóns a 687.576 euros, malia o sablazo do IBI e que os investimentos fannos Xunta e Deputación

Rodeiro, 3 de maio de 2025.-

A voceira municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, vén de acusar ao bipartito de esquilmar” o remanente e os aforros do Concello, que diminuíron de 1,6 millóns deixados polos gobernos populares ata os 687.576 euros que aparecen recoñecidos na liquidación orzamentaria de 2024 que se debaterá no pleno ordinario de maio, fixado para o próximo luns. Ademais, a concelleira engadiu que a dilapidación destes fondos “é aínda de maior gravidade” no contexto no que se atopa Rodeiro, posto que os veciños veñen de sufrir un forte sablazo no Imposto de Bens Inmobles (IBI) pola actualización de valores permitida polo goberno local e o gasto en investimentos é asumido integramente pola Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

“Se aumentaron os ingresos pola forte suba da Contribución, que tanto PSOE como UxR pedían baixar cando estaban na oposición e agora defenden para asaltar os petos dos veciños, e todas as obras as pagan as administracións gobernadas polo PP, preguntámonos onde están tirando os cartos os dous alcaldes, porque xa podemos adiantar que van rematar o mandato cos aforros a cero tras enterrar case un millón de euros en dous anos nunha xestión que nos lembra tristemente a do anterior bipartito”, sostén a concelleira popular.

Ademais, a edil do PP xa indicou que eses 687.000 euros de remanente van volver baixar o próximo luns, posto que o goberno leva a pleno unha modificación de crédito e un Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) para pagar facturas irregulares do ano pasado por 142.064 euros, “co cal estes aforros caerán de novo ata os 540.00 euros”.

Neste senso, a voceira popular afeoulle ao goberno a configuración destas facturas, xa que o informe de Secretaría deixa clara a existencia de irregularidades, posto que gastáronse sen crédito axeitado e suficiente, sen ser aprobadas polos órganos municipais e superando as cifras permitidas polos contratos menores. “Deben dar explicacións porque sobre estes gastos pesa unha sombra moi negra”, aseverou.

Ademais, na sesión do luns, con varios puntos de carácter económico, o PP vai expresar o seu absoluto desacordo coa xestión financeira do Concello, “posto que máis alá do maquillaxe contable elevando a previsión de ingresos a 4 millóns de euros, pero recadando simplemente 3,3 millóns, o que vemos é que se tiran os aforros, pero nin sequera se pagan todas as facturas”. Así, cómpre sinalar que o goberno deixou 336.390 euros pendentes de pago ao peche do pasado exercicio máis 145.463 euros en facturas sen recoñecer e, fronte a elo, só se dispoñen de 232.561 euros de fondos líquidos de tesourería.

Moción para arranxo de pistas

Por outra banda, o PP defenderá no pleno unha moción na que demandan ao goberno que acometa de inmediato o proxecto de mellora de pistas deseñado polo anterior goberno local con cargo ao remanente, “que é algo que consideramos urxente antes de que acaben con todos estes cartos”, e que beneficiará a 17 pistas de 11 lugares.

En concreto, trátase das pavimentacións interiores dos núcleos rurais dos Vilares, Lamas, Castugares, Carboentes, Farán e Adelán e a mellora integral do firme nas pistas Saborín-cruce de Cantelle, cruce de Cantelle-Bagarelas, cruce de Melide-Xabalde, Vilela-Xabalde e San Martiño-Ourín.

“Os dous alcaldes rexeitaron esta importante actuación, que lle deixou o PP lista para licitar, asegurando que non querían destinar fondos municipais e que ían xestionar o seu financiamento con outras administracións, pero á vista de que non conseguen os cartos de que os máis de 2 millóns que lle deron neste tempo Xunta e Deputación os meteron noutras cousas, imos reiterarlles que fagan xa estas xustas e necesarias obras”, concluíu Cati Somoza.