Somoza acusa a Camiñas de ter paralizado o arranxo de pistas malia admitir que están no peor momento da historia: “Por vez primeira Rodeiro ten máis baches que habitantes”
Rodeiro, 21 de marzo de 2026.-
A voceira municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, vén de acusar ao alcalde, José Luis Camiñas, de ter totalmente paralizado desde hai un mes o imprescindible e urxente arranxo das pistas municipais malia admitir que están no peor momento da súa historia, tanto de xeito explícito como pola solicitude millonaria realizada ao Goberno de España para a reparación das mesmas.
A concelleira popular lamentou que o rexedor perdera totalmente un mes de bo tempo, que contrasta coas actuacións que xa están a facer desde hai semanas moitos municipios da provincia, xa que durante estas semanas non fixo practicamente nada nin se rexistraron avances nin melloras significativas máis alá dunha foto dun bacheo “para aparentar que están actuando” e que data de hai tres semanas.
“Se de verdade estiveran arranxando o deplorable estado das pistas, algo que comprobamos diariamente que non se fai no noso percorrido cotiá polas parroquias, estaríannos inundando de fotos e de información, pero a realidade é que non fan nada e os veciños están preocupados e molestos porque, por vez primeira na historia, Rodeiro ten máis baches que habitantes”, significou a edil, que criticou que se perderan todas estas semanas “como se houbera todo o tempo do mundo e desaproveitando a oportunidade da benigna climatoloxía, porque a ninguén se lle escapa que na primavera pode comezar a chover en calquera momento e se retrasaría a reparación, en caso de que queiran facela, que é algo que dubidamos”.
A voceira municipal engadíu ademais que mentres o Concello segue paralizado o tamaño dos fochos e das fendas segue aumentando polo desgaste e o deterioro dos seus bordos e algúns xa teñen un tamaño de grandes dimensións que agrava a circulación e a seguridade viaria. Ao respecto, insistíu en que, neste momento, e agardando a que non empeore a situación, hai 250 quilómetros intransitables de pistas municipais, con eivas de maior ou menor tamaño, ao longo de todo o concello.
Cati Somoza aplaudíu que o alcalde recoñecera que as estradas que son da súa responsabilidade están en moi malas condicións, que foi algo que escribíu explicitamente nas súas redes sociais e tamén que admitíu coa solicitude ao Goberno de España de 2,7 millóns de euros para reparación das pistas polos danos dos temporais: “É a cantidade máis alta da provincia sen contar as cidades e demostra que temos a peor rede viaria local de toda Pontevedra, aínda que loxicamente esta contía non se corresponde cos desperfectos das borrascas, pero que Camiñas pide pola desesperación que ten porque non sabe como arranxar a situación tras case tres anos de abandono e deterioro”.
“É bo que, coas súas palabras e cos seus feitos, admita que as pistas están, de longo, no peor momento da súa historia, polo que xa que sabe o problema, só ten que solucionalo. E que deixe de mirar ao pasado, porque perde en todas as comparacións na situación das vías con respecto aos gobernos do PP e porque, se supón, que accedeu ao cargo cun pacto de perdedores para facelo mellor ca nós, pero a realidade é teimuda e todo, sobre todo as pistas, están moito peor ca nunca”, concluíu a voceira.