Somoza acusa a Camiñas de perder o tempo e non avanzar na tramitación para a permuta das estradas coa Deputación, “xa que non lle interesa o cambio, só a lea política”
Rodeiro, 4 de outubro de 2025.
A voceira municipal do PP de Rodeiro, Cati Somoza, vén de acusar ao alcalde, José Luis Camiñas, de perder tempo e non acometer ningún avance na tramitación para a permuta de pistas e estradas entre o Concello e a Deputación desde que fixo a súa proposta en marzo de 2024 –hai 19 meses–. “Non lle interesa o cambio e que do mesmo se beneficien os veciños, só busca a lea política, tal e como leva facendo todo o mandato con todas as administracións e así nin se avanza nin chegan os investimentos”, apostillou.
A concelleira popular cre que o rexedor “simplemente está xogando a súa partida política e para elo utiliza aos veciños na busca dun suposto rédito electorla”, xa que lembrou que o goberno bipartito “xa non sabe que facer para que se lle vexa algo despois de 28 meses de mandato nos que Rodeiro está a ser rescatado pola Deputación e polos seus fondos da nada máis absoluta”.
Ao respecto, a edil indicou que as acusacións de Camiñas sobre falta de diálogo da Deputación “cáense polo seu propio peso cando o Concello de Rodeiro ten unha oferta de permuta privilexiada, única na provincia” e engadíu que as manifestacións de discriminación vertidas polo alcalde en referenza a que se nega a coller a pista Negrelos-Pescoso para non prexudicar aos demais veciños “desmóntanse por si mesmas porque, segundo esa teoría, a Deputación tería que coller todas as estradas ou non coller ningunha”. “O único que discrimina é el desde a Alcaldía, xa que os veciños de 21 aldeas aínda está agardando a que mellore as súas 14 pistas que ían ser pagadas con 800.000 euros do remanente e que paralizou só porque era un proxecto do PP”, aseverou.
Cati Somoza insistíu en que é imprescindible que o Concello consiga os terreos necesarios para ensanchar a estrada Carboentes-Arnego antes de transferirlla neste proceso de permuta á Deputación, xa que, por normativa e funcionalidade, todas as vías provinciais teñen que ter a mesma anchura e ten que ter, arranxe a administración que a arranxe, as mesmas medidas que Rodeiro-Oseira. “Loxicamente o organismo provincial non vai facer o seu traballo, que a verdade é que está a ser máis ben pouco nestes 28 meses de mandato”. “Non pode haber unha estrada provincial de 7 metros e outra de ao seu carón con só 4,5 metros, iso non o entendería ninguén”, sinalou.
Por elo, instouno a poñerse a traballar na consecución de terreos e lembrou que xa puido ter moito avanzado, agora que se preocupa polos prazos, nos 19 meses que van desde que fixo a proposta e ademais replicoulle que non é certo que o Plan Xeral impida estes ensanchamentos, xa que se fixo un en Castugares. Neste senso, e sobre os seus lamentos de que os veciños de Carboentes e Arnego non poden agardar cinco anos pola mellora da estrada, sinaloulle que está na súa man, xa que na actualidade o vial é municipal e pode melloralo, ensánchalo e modernizalo todo o que queira co investimento que considere. “Se está agardando a que o mellore a Deputación, os veciños van aviados porque Camiñas non fai os deberes e o organismo provincial non pode facer nada polo momento”, advertíu.
“A Camiñas non lle importa nada que a Deputación colla estas pistas e faga ningunha permuta, el só quería meterlle o dedo no ollo a Lugués, pero atopouse cunha oferta privilexiada, única na provincia, e agora non sabe como fuxir dela e só pon excusas. Aínda que lle doa, Lugués quere e defende máis a Rodeiro que el e todo o PSOE xunto”, concluíu.