Santi Davila acusa ao goberno de Salceda de “querer borrar a democracia e implantar o pensamento único” e advirte de que chegarán “ata o final” para coñecer aos responsables

Sábado, 15 de novembro de 2025.-

O voceiro municipal do PP de Salceda de Caselas, Santi Davila, acusou esta mañá ao goberno local de “querer borrar a democracia e tratar de implantar o pensamento único” con motivo da trucaxe dunha fotografía oficial na que o propio concelleiro foi eliminado e substituído por un edil do executivo e advertíu que o seu grupo vai chegar “ata o final” para coñecer aos responsables e depurar as correspondentes responsabilidades políticas.

“En Salceda hai unha persoa ou varias persoas, que nós cremos que é a alcaldesa porque nada se move no Concello sen que ela o diga, que actúan de maneira ditatorial e non poden estar en democracia porque non cren nela, así que queremos saber quen ordeou ou fixo esta indigno ataque político para que abandone o Concello, que é de todos os salcedenses e ninguén se pode esquecer que o PP, que teño a honra de encabezar, representa a case o 46% dos veciños”, significou.

Santi Davila, en nome do grupo municipal e da agrupación local, tamén agradeceu a presenza de centos de cargos do PP da provincia de Pontevedra, encabezados polo presidente, Luis López, e a secretaria xeral, Luisa Piñeiro, na concentración celebrada hoxe na Praza do Concello de Salceda para amosar a súa solidariedade co “atropello democrático” sufrido polos populares de Caselas, para esixir o respecto ás diferentes opcións políticas e para demandar a depuración de responsabilidades.

Pola súa banda, Luis López, que xa acudíu esta semana a un encontro coa xunta local do PP na sede de Salceda a amosarlles o apoio do partido, advertíulle a Movemento Salceda, como partido do goberno local, e ás demais forzas de esquerdas –PSOE e BNG–, como “cómplices dunha investidura de perdedores”, que coas súas artimañas “non van conseguir invisibilizar nin facer calar ao PP local nin do resto da provincia con prácticas infantís, porque somos de longo o partido máis votado, tanto en Salceda como no resto da provincia, estamos máis fortes ca nunca e somos os que mellor representamos e defendemos á veciñanza”.

“Nós defendemos as nosas ideas políticas, pero respectamos todas, absolutamente todas as demais, no marco da democracia e excluíndo totalmente a violencia, xa que cremos que esta diversidade é necesaria e imprescindible para soster o marco democrático e de convivencia que tantos avances reporto unas últimas décadas, pero en Salceda o seu goberno non o entende así e queremos amosar a nosa total repulsa a estes feitos”, manifestou o presidente provincial.

Ao remate deste pequeno acto de apoio, Santi Davila anunciou que, ante o agochamento do goberno local a dar os nomes dos responsables e escudarse nun erro “que non cre ninguén”, o PP local vai impulsar un pleno extraordinario no marco das distintas accións previstas ata que se depuren responsabilidades políticas. Paralelamente, os cargos congregados portaban pequenas cartas que rezaban “Santi non se borra. 2.411 votantes tampouco. Loli Dimisión”.