Sabela Fole revela o “grave empeoramento” da economía do Concello polos “perversos efectos” do cuatripartito e alerta que Contas dubida da sostenibilidade dos servizos

Cambados, 3 de maio de 2025.-

A voceira municipal do PP de Cambados, Sabela Fole, vén de revelar que o Concello se atopa nunha moi mala situación económica polo “grave empeoramento” das contas e da tesourería como consecuencia dos “perversos efectos” do cuatripartito e alertou de que, ata o Consello de Contas no seu derradeiro informe, fai serias advertencias destes feitos e dubida da sostenibilidade dos servizos municipais e do pago dos gastos correntes.

“Estaba claro que isto ía pasar porque temos catro grupos municipais que non funcionan como un goberno e todos queren os seus cartiños para gastar nas súas cousas, moitas delas innecesarias, co único obxectivo de ter a súa correspondente cota de protagonismo. E claro, en vez de priorizar, buscan gastar máis que o outro para non deixarse comer terreo uns aos outros e xa teñen o Concello ás portas do abismo económico. E iso non o dicimos desde o PP, dío o Consello de Contas” precisou a concelleira popular.

A edil sinalou que o aforro pasou nun ano de 761.558 euros a un resultado negativo de 240.370, o remanente sitúase en 152.767 euros –o que supón o 3º máis baixo dos concellos de 10.000 a 20.000 habitantes– “e que clama ao ceo fronte aos 6,1 millóns que ten O Grove” e o remanente de gastos xerais está en negativo, “que é algo que só lle sucede a nove municipios medianos de toda Galicia”.

Sabela Fole afondo una “gravidade” da situación, xa que só dous dos 28 concellos medianos de Galicia –Cambados e Fene– teñen aforro neto e remanente de tesourería negativos e, no caso da capital do Albariño, as perdas en practicamente todos os parámetros sitúanse no millón de euros anuais.

Ante esta situación, a voceira popular advertíu de que a situación da tesourería é “crítica” e, facendo súas as recomendacións do Consello de Contas, pediulle ao alcalde, ao que responsabilizou desta mala xestión como responsable de Facenda, que faga un plan urxente de choque en vez do seu intento de subir os impostos, “que é algo que pretende facer e, de feito, xa lanzou algún globo sonda nese sentido para ver como está a cousa sabendo da contestación cidadá e das dificultades que terá para aprobar este incremento fiscal”.

Neste senso, a edil do PP desvelou ademais que Cambados é o concello da súa categoría da provincia de Pontevedra que máis fondos e transferencias recibe da Xunta a través do mecanismo PICA, que lle facilita o 17,75% dos seus gastos totais fronte ao 14,78% de Moaña, o 15,06% de Gondomar, o 13,41% de Bueu, o 12,40% de Bueu, o 13,26% de Mos ou o 9,88% de Baiona.

“O único aspecto que non ía rematadamente mal no Concello de Cambados eran as contas, que tampouco estaban para tirar foguetes porque non había nin un euro para case nada pero polo menos non había pufos esaxerados. Pero agora nin iso, porque todos os números están en vermello e temos todos os parámetros en negativo co conseguinte risco para os servizos e o funcionamento municipal”, concluíu Fole.