Roberto Carrero lémbralle ao PSOE que a senda A Guarda-Camposancos é un compromiso do actual goberno e aféalle os 16 anos socialistas sen avances
A Guarda, 8 de outubro de 2025-
O alcalde da Guarda e presidente do PP local, Roberto Carrero, vén de valorar moi positivamente que a Xunta de Galicia abra o período de exposición e información pública do proxecto da senda entre o centro urbano e Camposancos, “xa que supón un paso máis, e ademais decisivo xa que nos achega moito ao obxectivo final, para que poidamos culminar con este compromiso firme do actual goberno local”. Neste senso, o rexedor quixo reiterarlle ao PSOE do municipio, ante os seus intentos de arrogarse esta actuación, que este próximo investimento “é unha cuestión exclusiva do executivo do PP” e afeoulle que, durante os seus 16 anos ao fronte do Concello, non se rexistraron avances, “polo que tentar colgarse agora unha medalla é, simplemente, ridículo”.
Roberto Carrero amosou a súa satisfacción pola axilidade coa que a Consellería de Planificación de Infraestruturas está a tramitar este percorrido peonil e ciclista que unirá todo o concello, bordeando o emblemático Monte Tegra, cun investimento de 1,3 millóns de euros. “Vai supoñer un antes e un despois na mobilidade, na funcionalidade, na seguridade viaria e na imaxe da Guarda e por iso estamos facendo ben as cousas e colaborando ao máximo coa Xunta, algo que difire moito do realizado polos anteriores executivos que protagonizaron, basicamente, 16 anos de atrancos e torpezas”, manifestou.
O presidente do PP guardés, que amosou a súa confianza en que a parte burocrática remate en poucos meses para poder licitar as obras ao comezo de 2026 e que os traballos comecen ao longo dese mesmo ano, calificou os avances neste proceso como un “rotundo éxito de xestión” por parte do goberno local. Neste senso, considera este aspecto tan positivo para o pobo da Guarda vén ratificado pola propia reacción dos socialistas locais, “que tentan sumarse a un mérito que en absoluto lles corresponde”.
“Os gobernos do PSOE na Guarda, que se caracterizaron por non dicir unha mala obra e non facer nin unha boa acción, algo que explican perfectamente os resultados das municipais de 2023, non moveron ficha con este importante proxecto en máis de 15 anos máis alá de elaborar un anteproxecto en 2020 que nin sequera chegaron a presentar, co cal era imposible que saíse adiante. Polo tanto, agradecemos que se sumen a este éxito colectivo, pero non lles imos consentir nada máis”, aseverou Carrero.
Finalmente, Roberto Carrero lembrou que a Xunta estableceu, só por falar do anterior mandato, unha “estreita colaboración e un gran apoio” co Concello da Guarda malia contar cun executivo socialista, xa que concedeulle anualmente centos de miles de euros en obradoiros de emprego e financiou a construción da única nova escola infantil de toda a provincia de Pontevedra, “polo que, se esta senda A Guarda-Camposancos non saíu adiante no anterior mandato, foi exclusivamente pola escasa capacidade de traballo e de xestión dos socialistas e agora, con este novo goberno, vai ser unha realidade”.