Bas: “O BNG intoxica coa escola infantil de Chapela, porque se non apoiara a investidura de Digna Rivas hai tres anos este centro educativo xa estaría aberto con cen nenos”
Redondela, 4 de febreiro de 2026.-
“O BNG está a actuar de mala fe e intoxicando coa construción da imprescindible escola infantil de Chapela, porque se aínda non hai este servizo é porque o Bloque apoiou hai tres anos a investidura de Digna Rivas que nin fixo nin vai facer esta gardería. De feito, se Xoán Carlos González e os seus non levantaran a man para facer alcaldesa a Digna Rivas malia perder as eleccións, este centro educativo xa estaría aberto con cen nenos porque para o PP é unha absoluta prioridade”, replicou o voceiro municipal, Javier Bas, ante as “surrealistas acusacións” dos nacionalistas.
O concelleiro popular pediulle ademais ao Bloque local, se ten un interese real nesta instalación educativa “do que moito dubidamos”, que sexa proactivo a prol dos veciños de Chapela para que conten coa necesaria escola infantil “e deixe de apoiar e salvar cos seus votos a un executivo municipal anti-Chapela”.
“Este mandato está totalmente perdido cunha xestión devastadora que vai seguir en picado os próximos 16 meses pola incapacidade de Digna Rivas e do PSOE e a cooperación necesaria e complicidade do BNG, así que haberá que agardar ao seguinte sempre que haxa un goberno do PP”, sinalou Bas, que admitíu que o Bloque está “nunha posición complexa”, posto que non ten ningunha opción de gobernar e só lle queda a posibilidade de facer novamente de muleta socialista en caso de que os populares non teñan maioría absoluta, “o que deixaría de novo a Chapela sen escola infantil”. “Se non van sumar, polo menos que deixen de poñer paus nas rodas e no futuro deixen de exercer de cooperadores necesarios do desastre, pero non lles vai deixar desde Santiago, que son os que deciden por Xoán Carlos González e os seus acólitos”.
Javier Bas lembrou que a escola infantil de Chapela é unha cuestión municipal que debe contar coa axuda do Goberno galego, pero o executivo de Digna Rivas deixou escapar todas as oportunidades tras perder os últimos seis anos e ata catro convocatorias de axudas da administración autonómica a través dos fondos europeos MRR para o centro de Chapela.
O tamén ex alcalde reiterou que o seu goberno deixou todo listo en 2019, incluíndo unha partida específica de 800.000 euros da Xunta, a falta da tramitación urbanística correspondente para cambiar a calificación dos terreos, pero Digna Rivas desaproveitou esta achega, recollida dous anos seguidos nos orzamentos autonómicos, polo seu enorme retraso na modificación da categoría do solo.
Xa posteriormente, non presentou ningún proxecto ás catro convocatorias realizadas polo Goberno galego para financiar a construción de escolas infantís. “Non se lle pode dar a quen non pide”, apostillou Bas, que tamén reiterou as súas acusacións aos nacionalistas por ser “cómplices dun executivo anti-Chapela”.
“Nestes anos concellos como Mos, O Porriño ou Ponteareas si que optaron a estas achegas para ampliar a súa rede de escolas infantís, e incluso tamén municipios socialistas, como O Grove ou A Guarda no mandato anterior, pero incomprensiblemente en Redondela non aspiraron a estas axudas nunha medida totalmente prexudicial para Chapela”, manifestou Bas, que advertíu que, dada a incapacidade de xestión e pasotismo do actual goberno, esta escola infantil só sairá adiante cun executivo local do PP.