Pontecesures, sempre
11 de outubro de 2025.
Celebramos esta semana o centenario da creación do noso querido Concello de Pontecesures e, aínda que todos os días da nosa andaina independente son importantes e teñen cadansúa historia, está claro que tivemos a honra e o orgullo de vivir unha efeméride única, da que quero salientar e agradecer sobre todo a unidade do pobo e que a compartiramos todos xuntos, en harmonía, sen diferenzas, recoñecendo o pasado, disfrutando do presente e ollando ao futuro.
E seica cen anos son apenas un amencer na vida dos pobos, que dicía Víctor Hugo co gallo da Revolución Francesa, e por iso quero tomar prestada estas verbas para destacar que a nosa identidade e sentimento como Concello apenas está no comezo da súa historia, pero sen esquecernos que a nosa historia é moito máis longa, latexa desde hai moito máis tempo, pois xurde da herdanza de máis de dous mil anos desde o castro celta de Cessuris.
Por elo, é moi destacable como decenas de xeracións de cesureños conseguimos converter un territorio, unhas xentes e un fío común nun Concello de pleno dereito, un termo cun claro sentido de comunidade e con unánimes sinais de identidade, desde o río Ulla ata a Nestlé, orixe dun modelo urbano singular que coadxuvou moito na nosa independencia, pasando polo churro ou a lamprea, entre moitas outras.
E por riba de todo, por riba das diferenzas e maneiras de pensar de cada quen, que creo que sen dúbida son fundamentais para o desenvolvemento e o dinamismo dun pobo, posto que son piares dunha sociedade viva. Pois por riba de todo, os cesureños demostramos sempre concordia, respecto, unión de esforzos e defensa dun proxecto común, algo que é digno de eloxio e que, no mundo actual, vaise antoxar máis fundamental que nunca para afrontar todos os retos que temos por diante para asegurar que Pontecesures, esta nosa casa, siga aberta alomenos nos próximos cen anos.
E a nivel persoal, quería facer un par de reflexións, posto que para min é un absoluto orgullo, a máxima honra e unha infinita responsabilidade ser un representante dos veciños de Pontecesures, o meu concello. Teño unha total vocación de servizo público e un amor por este Concello e polas súas xentes e sempre, ata o último dos meus días, estarei servindo a este pobo e a todos vós, coa maior das humildades e cos mellores desexos para futuros.
Quero continuar expresando o meu eterno agradecemento para todas as persoas que, desde hai máis de cen anos, fixeron posible que este soño chamado Pontecesures sexa hoxe unha forte realidade. O meu cariño a todos os traballadores municipais, alcaldes, concelleiros, asociacións, colectivos, clubes, empresas, comercios, negocios, autónomos, absolutamente a todos os cesureños, porque o futuro de Pontecesures será de todos e para todos ou non será.
E xa remato, lembrando e recoñecendo a todos os veciños. Os que foron, os que son, os que serán. Pontecesures, sempre.
Juan Manuel Vidal Seage
Ex alcalde de Pontecesures e voceiro municipal do PP