Pedro Puy e Juan Bayón denuncian o perigoso estado da N-640 na Estrada e anuncian novas iniciativas no Congreso dos Deputados para insistir na súa “imprescindible mellora”

Xoves, 2 de abril de 2026

Os deputados nacionais do PP Pedro Puy e Juan Bayón veñen de denunciar novamente o perigoso estado da estrada N-640 ao seu paso polo Concello da Estrada e anunciaron a presentación de novas iniciativas no Congreso para insistir na súa “imprescindible e urxente mellora”.

“Estivemos aquí hai dous anos denunciando o estado desta vía nacional e, tras todo este tempo sen facer nada, o seu estado é calamitoso e, tristemente, se teñen producido moitísimos accidentes en todo este tempo, tanto no casco urbano como no resto do seu percorrido, polo que imos seguir esixindo ao Ministerio de Transportes que se mellore a plataforma e que se adopten medidas de seguridade viaria”, aseverou Puy.

Os dous parlamentarios achegáronse á vila tras aceptar o convite do alcalde e presidente do PP local, Gonzalo Louzao, que, xunto a gran parte do goberno municipal, quixo solicitarlles a posta en marcha de novas medidas políticas en Madrid ante a inacción do Goberno de España. A comitiva estivo no “punto negro” desta N-640 no casco urbano, xusto a carón da casa consistorial, e tamén fixo un percorrido polo resto da vía estatal.

Pedro Puy advertíu que o Executivo central aínda está a facer “bacheos e parches totalmente insuficientes” noutros puntos da N-640, como na veciña comarca do Umia, pero lamentou que estas pírricas medidas non cheguen á Estrada. “Esta triste situación afecta a moita xente porque hai un perigo evidente e un risco grave, e aí están as cifras, pero é que ademais estamos ante unha deixadez lamentable, porque o Goberno está a bater o seu récord de recadación cos impostos dos cidadáns mentres as estradas non reciben nin un mínimo mantemento”, detallou, antes de engadir que é “urxente” modernizar esta vía a curto prazo pola súa elevada sinistralidade, pero que tamén se debe reclamar a necesaria construción da Variante tras oito anos paralizada da man do Goberno de Pedro Sánchez. “O PSOE goberno 16 dos últimos 22 anos en España, así que está claro quen é o responsable de que non se avance”, apostillou Puy.

Louzao: “A situación é crítica”

Pola súa banda, Gonzalo Louzao, que agradeceu a presenza e a preocupación dos deputados populares polos temas trascendentais para A Estrada, lembrou que tanto o Concello como o PP local levan moito tempo demandando esta mellora, “pero atopámonos cun Executivo central que non inviste nas prioridades da xente”. Así, deixou claro que “imos seguir insistindo porque, se xa estaba mal hai dous anos, agora, coa choiva deste inverno e cos desgaste propio dos seus milleiros de usuarios, atopámonos cunha situación totalmente crítica”.

O alcalde e presidente local do PP tamén incidíu en “certa discriminación” do ministerio coa Estrada respecto aos bacheos da N-640 e tamén en comparación con outras estradas nacionais. “O que fan é totalmente insuficiente, e só hai que escoitar o clamor en toda a provincia, pero aquí nin iso malia que hai risco, que houbo ata falecementos e que colectivos independentes de condutores sinalan que aquí hai un ‘punto negro’ que o Goberno nega que exista”, lamentou Louzao, que tamén reclamou a construción da Variante da Estrada.