Paula Prado e Luis López louvan o labor de unidade de David Castro en prol do PP de Ribadumia

Pontevedra, 7 de febreiro de 2026.-

A secretaria xeral do PP de Galicia, Paula Prado, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, asistiron na noite de onte ao pincho de afiliados do Partido Popular de Ribadumia, onde ambos louvaron o labor de David Castro como exemplo de unidade, xa que como dixeron “o PP de Ribadumia é unha das agrupacións que mellor a exemplifica”.

Paula Prado puxo en valor a «capacidade de diálogo e acordos» que caracteriza aos populares, neste caso exemplificado na figura do actual alcalde, que «foi quen de sumar recentemente o apoio dun novo edil».

«Aquí en Ribadumia o PP fai un traballo intenso de cooperación e escoita. É un proxecto que mellora a vida dos veciños e das veciñas e, por iso, debe continuar moitos anos», sinalou.

Ademais, Prado sacou músculo da «suma de apoios» do PPdeG en toda Galicia, onde acumula máis da metade do total de alcaldías, 28 delas na provincia de Pontevedra. «Estamos traballando por e para os galegos, co horizonte xa posto nas eleccións de 2027, onde acadaremos aínda máis alcaldías», concluíu.

Pola súa banda, Luis López destacou que David Castro “pon en riba da mesa a unidade de ideas, porque quen cre na moderación, na centralidade e na política local baseada en mellorar a vida dos veciños, non necesita máis consignas, nin dogmas nin ideoloxía; a unidade de proxecto, porque dá igual o nome –Partido, Independentes ou Xuntos— mentres se conserve o apelido, que é Ribadumia; e a unidade de persoas, porque o PP nunca vai deixar de ter as portas abertas”.

Na xuntanza, á que asistiron arredor de 300 simpatizantes e afiliados, tamén participaron o responsable de Educación, Ciencia, Universidades e FP no Goberno galego, Román Rodríguez; a responsable de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, así como a secretaria xeral provincial do PP de Pontevedra, Luisa Piñeiro.