Pablo Leiva valora a suposta resolución do derradeiro episodio de inseguridade cidadá, pero alerta de que O Grove segue en precario e esíxelle ao alcalde que corrixa de inmediato a escasa plantilla da policía local

O Grove, 26 de abril de 2025,

O voceiro municipal do PP do Grove, Pablo Leiva, vén de valorar positivamente a suposta resolución do derradeiro episodio de grave inseguridade cidadá no concello grazas ao traballo das forzas e corpos de seguridade, pero alertou de que a vila segue nunha situación precaria nesta materia pola exclusiva responsabilidade do goberno local, polo que lle esixíu ao alcalde, José Antonio Cacabelos, que corrixa de inmediato a escasa plantilla da Polícia Local.

“Non podemos deixar de lamentar que o rexedor bote balóns fóra como se a cousa non fora con el e recurra a excusas como que leva moito tempo incorporar a novos axentes, porque leva gobernando dez anos, é o máximo responsable do persoal do Concello e supoñemos como ía vendo, ano a ano, que a plantilla da policía ía mirrando sen que fixera nada por remédialo en todo este tempo”, manifestou o concelleiro popular.

O edil do PP tamén lle demandou ao alcalde que “non caia na autocomplacencia” despois de que a Garda Civil “fixera un traballo impecable e lle sacar as castañas do lumes”, polo que lle esixíu solucións rápidas e eficaces que pasan, segundo o voceiro, pola incorporación de máis axentes.

“Está claro que todo suma en materia de seguridade cidadá, e a instalación de cámaras ou a celebración de charlas e cursos de prevención, como apuntou o alcalde estes días, poden supoñer un gran de area, pero lle pedimos que non se limite a solucións cativas e que dote ao plantel da Policía Local de medios e de persoal, xa que a vixilancia e o efecto disuasorio é o que mellor funciona”, manifestou.

Pablo Leiva amosou a súa solidariedade e a do PP local cos establecementos e veciños afectados pola vaga de roubos e outros episodios de inseguridade acontecidos nestas semanas e aclarou que a súa formación quixo manter durante estes días unha postura prudente “para evitar un alarmismo social que non ía axudar a resolver esta situación”.

En todo caso, e tras censurar que o subdelegado do Goberno, Abel Losada, responsabilízase á oposición no canto de apuntar ao alcalde pola súa neglixencia na dotación da Policía Local, o voceiro popular instou a Cacabelos a adoptar medidas urxentes e eficaces en materia de seguridade cidadá para evitar que estes episodios tan graves se poidan reproducir no futuro e tendeulle a man dos populares para sacar adiante os acordos necesarios tendo en conta que non dispón de maioría absoluta no pleno.