Pablo Leiva urxe un plan de limpeza e roza de beirarrúas, viais e pistas ante o seu mal estado pola presenza de malexa, vexetación e suciedade
O Grove, 14 de xuño de 2025
O voceiro municipal do PP do Grove, Pablo Leiva, esixíulle ao goberno local que acometa de xeito urxente e prioritario un plan de limpeza e roza de beirarrúas, rúas, viais e pistas de xeito xeralizado, xa que criticou o seu mal estado pola presenza de maleza e vexetación de grandes dimensións, que ademais se acrecenta a diario nesta época na que medra a gran velocidade, e pola suciedade que presentan estes espazos da mobilidade do concello.
O edil popular lamentou o “absoluto pasotismo” do executivo socialista á hora de acometer as súas labores de conservación e mantemento das vías, xa que revelou que en moitos puntos a presenza de maleza é de tal tamaño que se dificulta o tránsito dos peóns, “que se ven obrigados a deixar as beirarrúas e ir sorteándoa pola calzada”. Ademais, engadiu que a estes prexuízos para os veciños do Grove, engádese a mala imaxe, de total abandono, que transmite a vila cando se está ás portas da tempada alta de verán.
“Non é moi normal que moitas beirarrúas e viais municipais estean nestas condicións a mediados de xuño, xa que o seu estado prexudica o día a día dos grovenses, pero é aínda máis lamentable na época do ano na que estamos, xa que van vir milleiros de persoas ao noso concello e van pensar que O Grove é o salvaxe oeste”, criticou o concelleiro, que apostillou tamén que, a este problema de falta xeralizada de limpeza, hai que sumar que moitas das baldosas das beirarrúas están rotas e poden provocar caídas dos peóns.
O voceiro, que lembrou que esta situación tamén pode xerar riscos en caso de lume forestal xa que o pode levar ata o pé das estradas, solicitou que se deixe todo o viario limpo polo menos antes do San Xoán.
Arranxo de Luis Antonio Mestre
Por outra banda, Pablo Leiva tamén se posicionou sobre o colapso da Avenida Luis Antonio Mestre como consecuencia do deterior e rotura da rede municipal de saneamento, sinalando que “a pelota está claramente no tellado” do alcalde, José Antonio Cacabelos, ao que lle esixíu que “se comprometa de verdade con esta obra, que ten que facer da man da Xunta, e poña os cartos que lle corresponden para pagar a reposición e modernización dos servizos municipais”.
O concelleiro do PP lembrou que hai un proxecto redactado pola Xunta desde o ano 2018 que fixaba un orzamento duns 2 millóns de euros e do que o Concello tiña que sufragar aproximadamente a metade por ser ese o custe das rede de abastecemento, saneamento, telecomunicacións, electricidade e iluminación.
“Hai proxecto, hai intención da Xunta de investir e hai unha proposta de convenio por parte da Xunta desde hai moito tempo, pero, hai que dicilo abertamente, O Grove ou non ten eses cartos ou, polo que sexa, non quere poñelos. Porque cando fala das obras autonómicas que se fan en Vilanova ou Sanxenxo, Cacabelos, inmerso na súa teoría da conspiración, omite a propósito que estes concellos sempre poñen a parte que lles corresponde ou que lles pide a Xunta. E claro, no Grove así seguimos, deixando pasar oportunidades”, concluíu Leiva.