Pablo Leiva presenta a súa dimisión como edil por motivos laborais e destaca que é o “momento perfecto” para que o PP do Grove teña tempo para gañar a Alcaldía en 2027
Mércores, 11 de marzo de 2026
O voceiro municipal do PP do Grove, Pablo Leiva, anunciou onte á noite a presentación da súa dimisión como concelleiro popular por motivos laborais, xa que revelou que é inasumible que dispoña do tempo necesario para o seu cargo coa elevada carga de traballo, cada vez máis crecente, que ten como avogado desde o seu bufete. Por iso, cre que ten que actuar con “sinceridade, responsabilidade e compromiso” cos compañeiros, cos veciños, co Grove e co partido e dar un paso a un lado, considerando ademais que é o “momento perfecto” para que o PP local teña tempo para reconfigurar a candidatura e impulsar o actual proxecto co obxectivo de gañar a Alcaldía nas eleccións do próximo ano 2027”.
“Afortunadamente teño cada vez máis traballo no meu despacho, pero iso me impide atender axeitadamente as miñas obrigas como voceiro e concelleiro e representar coa intensidade que se merecen aos veciños do Grove e ao PP, co que sempre seguirei comprometido e botando unha man no que poida. Por todo isto, é o momento idóneo para reconfigurar o grupo municipal e o partido porque quedan 14 meses para as eleccións municipais e, cun traballo potente, hai unha oportunidade histórica de recuperar a Alcaldía porque Cacabelos e o PSOE están totalmente esgotados e o Concello berra por un cambio”, indicou o voceiro.
Pablo Leiva convocou onte á noite na sede do PP do Grove para anunciar esta decisión aos tres compañeiros do grupo municipal, á executiva do PP local e á dirección provincial co presidente, Luis López, á cabeza, que acudiu acompañado pola secretaria xeral, Luisa Piñeiro; o vicesecretario de Acción Electoral, Javier Tourís; e a coordinadora comarcal do PP no Salnés, Paz Lago. O tamén presidente da Deputación expresoulle o agradecemento de todos -algo que fixeron a unanimidade dos membros da executiva que asistiron ao encontro- “polo gran traballo destes anos, cunha suba nas eleccións de 2023 e a configuración do PP como clara e única alternativa de goberno, e pola xenerosidade cos veciños, cos compañeiros e co partido por saber priorizar o ben común do proxecto por riba de cuestións persoais”.
“Pablo é un exemplo do mellor que ten a política: Traballar pola xente co único ánimo de construír o mellor proxecto de futuro para O Grove e de atención aos veciños da man do PP e saber deixalo cando, pola súa tarefa profesional, non ten o tempo que isto precisa. A súa actitude e a súa decisión son dignas de aplauso e agardamos que, na medida do posible, siga contribuíndo porque ten moito que dicir e que facer polo noso proxecto”, detallou Luis López, que tamén deu a benvida a Joaquín Prol, número 5 da candidatura e unha persoa fundamental no movemento asociativo do Grove, xa que será o seu substituto no grupo municipal do PP na corporación.