Pablo Leiva lamenta a “prepotencia” do alcalde tras a sentenza do TS polo ‘caso SGAE’ e recoméndalle que abra unha negociación coa entidade “porque lle aforrará cartos aos veciños tal e como fixeron outros concellos”
O voceiro municipal do PP do Grove, Pablo Leiva, valorou hoxe a sentencia do ‘caso SGAE’, que condena ao Concello a pagar 55.0000 euros a esta entidade polos dereitos de autor dos concertos da Festa do Marisco entre os anos 2015 e 2018, e lamentou a “altanería, falta de humildade e prepotencia” do alcalde, José Antonio Cacabelos, por menosprezar o fallo do Tribunal Supremo (TS) e obcecarse en que seguirá con esta mesma actitude.
Fronte a este posicionamento do rexedor, o concelleiro popular recomendoulle que abra unha negociación coa entidade, como fixeron moitos outros concellos, “porque é a postura máis intelixente, xa que aforraralle moitos cartos aos veciños reducindo o canon dos dereitos, algo ao que se abre habitualmente a sociedade, e porque non vai dar escapado de pagalos posto que é un dereito adquirido polos autores que, por certo, é moi defendido polos seus compañeiros do Goberno de España”.
O edil, que lamenta a “falta de respecto” do alcalde contra unha sentencia do Alto Tribunal, tamén censurou a Cacabelos por “mentirlle descaradamente” aos grovenses e aos grupos políticos sobre este caso, incluso dicindo que cabía recurso contra este fallo, e que siga a facelo tratando de minimizar as reclamacións pendentes correspondentes ao período 2019-2024.
Neste senso, revelou que o alcalde cifra as débedas pendentes en 7.000 euros, pero adiantou que as contías van ser moi superiores, xa que ademais dos dereitos das obras dos concertos das Festas do Marisco deses exercicios, hai que engadir as actuacións do auditorio e as das Festas do Carme, polo que poderían roldar fácilmente os 25.000 euros, segundo fontes consultadas polo PP local.
“Di que seguirá loitando contra a SGAE e contra o Tribunal Supremo nunha actitude tristemente caricaturesca a cabalo entre Don Erre que Erre e o Quixote e faino a costa do peto dos veciños porque para defender os seus dereitos e os cartos de todos o que tiña era que negociar e rebaixar o canon, que xa hai varios exemplos delo en toda a provincia”, sinalou o voceiro.
Finalmente, Pablo Leiva lamentou que o alcalde, tras dez anos ao fronte do Concello e malia perder a maioría absoluta en 2023, siga medrando o seu cesarismo e, o peor de todo, estea a exacerbar a súa manái persecutoria: “Temos a un alcalde completamente só, enfrontando ao mundo enteiro e prexudicando enormemente aos veciños, xa que vai contra a Xunta, o PP, a oposición de esquerdas, o tecido socioeconómico do Grove, os organizadores do Son do Mar e agora a sociedade de autores, o que demostra que está trabucado, xa que se todo o mundo circula nunha dirección e ti vas só en sentido contrario é moi posible que non vaias polo camiño correcto agás que sexas un visionario ou un Mesías”.