Pablo Leiva esíxelle unha “profunda reflexión” a José Antonio Cacabelos por quedar en soidade tras gobernar durante 30 meses contra o pobo do Grove e aconséllalle ao PSOE local que baralle cambiar ao alcalde
O Grove.-
O voceiro municipal do PP do Grove, Pablo Leiva, vén de esixirlle unha “profunda reflexión” ao alcalde, José Antonio Cacabelos, pola fervenza de dimisións no seo do goberno local “por desavenencias e discrepancias co seu modo de xestión malia que se disfrace de cuestións” e lembra que se atopa nunha “total soidade” tras gobernar durante trinta meses, neste seu terceiro mandato, contra o pobo do Grove.
Por iso, e ademais de reclamarlle que valore seriamente o seu futuro ou mude radicalmente o seu modo de dirixir este Concello, o concelleiro popular tamén quere aconsellar ao PSOE local que baralle un cambio de alcalde, incluso de xeito inmediato, para deixar de facerlle dano á veciñanza.
“Tan certo é que Cacabelos gañou as pasadas eleccións municipais, malia que perdeu a maioría absoluta no que supón un síntoma do seu retroceso, como que na actualidade perdeu totalmente a maioría social e apoio dos veciños do Grove e incluso dos seus propios compañeiros, que levan semanas protagonizando un ronsel de renuncias, polo que ao mellor chegou o momento de dar un paso a un lado para non seguir prexudicando aos veciños”, advertíu o edil do PP.
Pablo Leiva lembrou que este mandato, que vén de rebasar os seus dous primeiros terzos tras superar os 1.000 días, está a ser “un despropósito e un desastre” con problemas coas obras, ineficacia coas limpezas e as rozas, abandono do sector turístico, pésima xestión da Festa do Marisco, enfrontamentos constantes ou perda de oportunidades.
Ademais, lamentou que dita circunstancia coincida no tempo cun momento no que a Xunta de Galicia está a facer “unha aposta sen precedentes” polo noso Concello, coa mellora e cesión da Avenida Luis A.Mestre, o proxecto para o desdobramento da Vía Rápida ata A Lanzada ou as modernizacións dos centros educativas e das infraestruturas portuarias e pesqueiras por máis de 45 millóns de euros.
Finalmente, e ante a teimudez de Cacabelos e a pechazón do PSOE meco a afrontar “cambios necesarios”, o voceiro popular admitíu que existe unha alternativa plenaria e democrática ao “actual desgoberno”, xa que PP, EU e BNG representan á maioría da corporación e a case 900 veciños máis que o goberno minoritario socialista. Sen embargo, Leiva admite a súa imposibilidade, malia as boas relacións e moitas coincidencias entre os tres grupos da oposición, “porque as formacións de esquerdas critican moito ao PSOE en público, pero son totalmente sectarias e, aínda que o actual statu quo sexa nefasto para O Grove, sempre apoian aos socialistas á hora da verdade aínda que Cacabelos estea a levar o barco contra as pedras”.