Pablo Barcia denuncia a “grave incoherencia política” de AxM por absterse na Conta Xeral 2024 malia que manexaron o diñeiro público desde o goberno local durante nove meses do ano

Mondariz, 31 de outubro de 2025

O alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, vén de denunciar a “grave incoherencia política” do grupo municipal de AxM por absterse na Conta Xeral 2024 do Concello, “xa que se trata da liquidación económica dun exercicio no que desempeñaban o goberno e manexaron o diñeiro público” durante nove dos doce meses do ano”.

“Todo Mondariz sabe que foron uns nefastos xestores, pero non sabíamos que a súa incompetencia chegara a tal punto que ata sexa admitida por eles mesmos que non son quen de votar a favor da súa propia liquidación”, ironizou o rexedor, que agradeceu o apoio e a responsabilidade de PSOE e BNG para aprobar a citada conta, demostrando que están a exercer unha oposición construtiva.

Para Pablo Barcia, o problema de AxM é que está desubicado desde que “desertou da Alcaldía tras realizar un único exercicio de honestidade é admitir que non eran capaz de gobernar Mondariz”, pero reclamoulles “un pouco de sentidiño e que non tenten poñer paus nas rodas”.

Ao respecto, lembrou que, de non aprobarse a Conta Xeral, o Concello podería perder centos de miles de euros en axudas e achegas doutras administracións, “xa que se trata dun requisito básico, pero a eles non lles importa poñer en risco os investimentos dos mondaricenses con tal de chegar a non sabemos que obxectivo”-

Para o alcalde, as xustificacións de AxM para absterse alegando “incompetencia da Secretaría Accidental” non deixan de ser excusas peregrinas, posto que se trata da mesma persoa que xa exercía esas función durante o seu goberno sen que, daquela, cuestionase a súa capacidade nin traballo.

Pablo Barcia admitíu que a decisión da sorpresiva abstención de AxM sorprendeu e incomodou ao resto dos grupos da corporación municipal, que coincidiron en que a responsabilidade institucional debe prevalecer sobre os intereses partidistas, especialmente cando se trata dun documento que reflicte maioritariamente a súa propia xestión.

“Unha vez máis, AxM demostra que non lle chega con abandonar aos veciños, senón que agora intenta entorpecer o traballo dun goberno que se esforza arreo por conseguir o máximo de subvencións e investimentos para devolverlle a Mondariz o tempo perdido”, sinalou o alcalde, que proclamou o seu compromiso coa transparencia e a estabilidade.

“Hai unha máxima que di ‘aporta ou aparta’ e Xoán Carlos Montes decidíu apartarse da Alcaldía e agora que está na oposición volve tela diante, así que se non vai aportar nada, polo menos que se siga apartando”, concluíu.