Os populares de Redondela abandonan o pleno no debate da moción do 25N do BNG en protesta contra o seu machismo e as súas agresións verbais contra mulleres do PP

Redondela, 27 de novembro de 2025

Os dez concelleiros do grupo municipal do PP de Redondela veñen de abandonar a sesión plenaria do mes de novembro co gallo do debate da moción por mor do 25N, Día Internacional Contra a Violencia sobre as Mulleres, presentada polo BNG en sinal de protesta polo machismo do partido nacionalista e polas constantes e crecentes agresións verbais dos seus cargos ou das súas organizacións satélites contra mulleres do Partido Popular. Dita moción xa fora presentada co gallo do pleno ordinario do pasado 30 de outubro, pero non puidera debaterse ao rematarse a sesión por falta de tempo.

Antes de marcharse do pleno, a concelleira Sandra Bastos, que tamén é coordinadora de Igualdade na Deputación de Pontevedra, afeou a postura do Bloque en relación coas mulleres: “Na loita pola igualdade e contra a violencia machista, na que moito se ten avanzando e moito aínda queda por facer, o BNG representa a peor política, porque divide ás mulleres en boas e malas segundo a súa afiliación política e cre que só merecen defensa as que pensan coma eles nunha postura deleznable”.

A edil explicou que os populares ían negarse a compartir espazo no debate deste asunto cos representantes do Bloque, xa que considera que están “totalmente deslexitimados” tras os ataques e agresións verbais machistas vertidas desde as súas filas contra as conselleiras Fabiola García e Ánxeles Vázquez ou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, aos que sumou a manifestación da CIG contra a sede do PP de Santiago esta mesma semana, “nuns termos impresentables, vexatorios contra as mulleres e que eles mesmos non consentirían se se proferisen contra mulleres con representación no BNG”.

Ademais, o PP redondelán engadiu que, a estas graves faltas de respecto “que non se emiten en ningún caso nos mesmos termos contra homes” da nosa formación política nunha actitude que deixa ben ás claras o “machismo latente” do BNG, hai que sumarlle a falta total dunha firme condena das mesmas por parte da dirección nacionalista.

“Entre atacar ao PP, co que teñen unha obsesión, complexo e xenreira fóra de punto, ou defender a todas as mulleres, o Bloque sempre, sen dubidalo, escolle atacar ao PP e iso teñen que sabelo todas as mulleres, teñen unha actitude lamentable, polo cal non temos absolutamente nada que debater con eles sobre igualdade e loita contra a violencia machista”, concluíu Bastos.