Os edís do PP de Fornelos abandonan o pleno extraordinario sobre a auga da Laxe e o Plan Vía Depo en protesta polo “autoritarismo” do alcalde ao negarlle a palabra a oposición

Mércores, 20 de maio de 2026.-

O grupo municipal do PP de Fornelos de Montes tivo que abandonar o pleno extraordinario impulsado pola propia formación para abordar os graves problemas de auga na Laxe e a programación do Plan Vía Depo para arranxo de pistas municipais en protesta polo “forte autoritarismo” do alcalde, Emiliano Lage, xa que negoulle en todo momento o uso da palabra aos partidos da oposición.

Os populares, que lembraron que a celebración desde pleno xurdíu da súa propia iniciativa, lamentan a “falta de democracia” que hai en Fornelos, “xa que o alcalde incluso nos impide defender as nosas propias propostas, algo que consideramos surrealista, mentres só se escoita a si mesmo”.

Neste senso, a formación liderada por Antía Rodríguez explicou que o rexedor, tras defender que o abastecemento de auga na Laxe funciona perfectamente, malia a existencia de restriccións, deixou claro que non admitía debate e que el dirixía a sesión, polo que non ía permitir que falara ninguén da oposición. Do mesmo xeito, no caso da outra moción, a do Plan Vía Depo, tamén lle advertíu aos edís do PP que non ía permitir a súa  intervención, que foi o momento no que abandonaron o pleno.

“Non ten ningún sentido democrático que nun pleno impulsado por nós e coas nosas propostas non se nos permita defendelas, polo que, para escoitar ao alcalde repetindo os mesmos argumentos baleiros que xa dixo na radio, decidimos irnos en sinal de protesta, porque Fornelos non se merece isto”, sinalaron desde o PP, que lembraron que o veto ás intervencións da oposición no pleno incumpre totalmente a normativa.

Os populares de Fornelos cren que esta situación exemplifica á perfección o “esmorecemento” do goberno local e ao que tamén arrastra ao municipio e deixaron claro que, sobre todo, non lles importan as suas intervencións plenarias, senón que as cousas saian adiante: “A nós énos igual falar, pero o que de verdade lamentamos é que nunca se arranxen os moitos problemas que sufrimos”.

Cómpre lembrar que esta sesión foi pedida polo PP para solicitar que se analice o estado actual do abastecemento da Laxe para coñecer as causas das restriccións e proceder á identificación das deficiencias para permitir acometer obras ou medidas que garantan unha subministración en óptimas condicións. Así mesmo, a outra proposta consistía na presentación dunha solicitude ante a Deputación para beneficiarse do Plan Vía Depo para o arranxo de pistas “co obxectivo de non perder outra oportunidade” e deseñar unha planificación colectiva das obras que priorizase execucións de treitos integrais e non en zonas puntuais.