Os deputados Raúl Santamaría e Manuel Santos informan aos clubs de Cuntis das novas axudas deportivas da Xunta, dotadas con 2 millóns
17 de febreiro de 2026.-
Os deputados do grupo parlamentario do Partido Popular Raúl Santamaría e Manuel Santos, acompañados da voceira do PP en Cuntis, Isabel Couselo, reuníronse con diversos clubs deportivos desta localidade pontevedresa para informarlles das novas axudas dispostas pola Xunta para estas entidades, que están dotadas con 2 millóns de euros e cuxo prazo de solicitude remata o vindeiro 2 de marzo.
Estas achegas están dirixidas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento deportivo especializado inscritos no Rexistro de entidades deportivas de Galicia (Redega). Este apoio económico ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades deportivas, con contías que poden acadar ata 10.000 euros para clubs e 25.000 euros para núcleos de adestramento especializado.
En concreto, Raúl Santamaría, Manuel Santos e Isabel Couselo reuníronse con representantes e autoridades deportivas de entidades e clubs como o Club Baloncesto Gremlins de Cuntis, o Atlético de Cuntis C.F, o Club de Montaña Xesteiras, a Escudería Cuntis Vila Termal ou o Club de Atletismo de Cuntis. Ademais de dar a coñecer as axudas dispostas pola Xunta, o encontro tamén serviu para que os deputados coñeceran as necesidades deportivas existentes neste concello e as propostas de mellora de cada entidade deportiva local.
OPORTUNIDADE IMPORTANTE
“Estas axudas representan unha oportunidade moi importante para os clubs deste concello”, asegurou o deputado Raúl Santamaría, quen engadíu que “non só porque mobilizan recursos directos para o deporte base, senón porque amosan o compromiso da Xunta co fortalecemento do tecido deportivo local e co recoñecemento do papel que xogan estes colectivos na cohesión social e a promoción de estilos de vida saudables”.
Pola súa banda, a voceira do PP municipal, Isabel Couselo, valorou moi positivamente este encontro salientando que “era imprescindible que quen forma parte esencial da vida deportiva de Cuntis puidera expresar as súas demandas e suxerencias para perfeccionar as convocatorias no futuro, ademais de recibir información clara e accesible sobre como optar a estas axudas tan importantes”.
Tanto os deputados como os representantes municipais comprometéronse a axudar e colaborar cos clubs deportivos de Cuntis na tramitación das súas solicitudes de axuda, así como a elevar as propostas recollidas para contribuír á mellora de futuras liñas de apoio ao deporte.