Os deputados populares no Congreso acusan ao Goberno de Pedro Sánchez de camuflarse tras os «segredos oficiais» para ocultar a falta de gardas civís no Salnés

Pontevedra, 13 de xullo de 2026

Os deputados do PP de Pontevedra no Congreso, Irene Garrido, Pedro Puy e Juan Andrés Bayón, cualificaron de «intolerable e escandalosa» a resposta do Goberno de España á súa batería de preguntas sobre a situación dos medios humanos e materiais nos cuarteis da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Grove e Vilanova de Arousa.

Nunha pregunta parlamentaria rexistrada o pasado mes de maio, os deputados pontevedreses esixiron ao Executivo central que dese información sobre o número de axentes en persoal activo e sobre a frota de vehículos oficiais dispoñibles en cada un destes postos para avaliar o déficit de seguridade na comarca.

Con todo, a resposta por escrito si saca á luz o estado real do parque móbil, xa que o Executivo confirma que o Salnés só dispón de 13 vehículos en Cambados, 10 en Vilagarcía de Arouusa, 5 en Sanxenxo, 4 no Grove e apenas 2 en Vilanova de Arousa.

O Estado confirma na súa resposta que realmente hai un déficit de efectivos da Garda Civil na provincia de Pontevedra, onde o corpo, conta con 1.661 efectivos dispoñibles, dos cales 1.551 están en activos, 83 en reserva ocupada e 27 alumnos en prácticas), o que deixa sen cubrir o 18% do catálogo de prazas previstas, establecido en 1.835 activos.

A contestación oficial do Goberno central evita facilitar as cifras específicas de axentes operativos locais acolléndose á Lei de Segredos Oficiais de 1968 e declarando esta información como «materia reservada».

Os deputados populares lamentaron que o Ministerio de Fernando Grande-Marlaska use de forma «abusiva e opaca» os acordos de seguridade do Estado para non admitir que as plantillas locais se atopan baixo mínimos na comarca do Salnés. «Non se pode protexer aos cidadáns nin loitar contra a delincuencia ocultando as carencias materiais baixo un manto de confidencialidade de hai corenta anos», denunciaron os populares.