Os deputados nacionais do PP levan ao Congreso o grave problema de cobertura de telefonía móbil en Tomiño e esixen un plan extraordinario para a súa mellora

Martes, 6 de maio de 2025.-

Os deputados nacionais do PP na provincia de Pontevedra veñen de levar ao Congreso dos Deputados o grave problema de cobertura de telefonía móbil que padece desde hai tempo o Concello de Tomiño e que se ten agravado nos últimos anos como consecuencia do aumento das liñas e a deficiente rede de infraestruturas e postes neste termo do Baixo Miño. Deste xeito, os parlamentarios respaldan totalmente as demandas dos populares locais e esixen do Goberno de España unha actuación inmediata e un plan extraordinario para a mellora da cobertura.

Esta iniciativa, que se formalizou a través de senllas preguntas na Cámara Baixa, foi anunciada polos deputados Irene Garrido e Juan Bayón nunha visita realizada a Tomiño, onde coñeceron in situ as importantes deficiencias da súa rede de telecomunicacións da man da presidente do PP local, Lara Meneses; da voceira municipal, Mónica Otero; e doutros concelleiros da formación. Nesta reunión de traballo e no percorrido polos puntos con esta problemática do municipio estiveron acompañados tamén polos parlamentarios autonómicos Julio García Comesaña, Raúl Santamaría e Felisa Rodríguez.

“É inadmisible que Tomiño padeza esta situación coa telefonía móbil en pleno ano 2025 e o Goberno de España non faga nada de nada, malia ser o municipio con peores telecomunicacións da provincia e mentres anuncia reforzos de postos noutros concellos da provincia”, explicaron Garrido e Bayón, que engadiron que esta situación afecta á calidade de vida dos veciños, prexudica o desenvolvemento socioeconómico de Tomiño, dificulta das comunicacións persoais e profesionais, limita o acceso a servizos básicos e obstaculiza a actividade, asentamento e crecemento de industrias, pemes e autónomos.

Por elo, van preguntar directamente ao Goberno de España, como administración competente e atendendo a demanda do PP de Tomiño, polas súas previsións e prazos para acometer actuacións de mellora de cobertura, a concreción dos investimentos previstos e a posibilidade de poñer en marcha un plan extraordinario de telecomunicacións dada a mala situación da cobertura no municipio.

Demanda constante do PP de Tomiño

Pola súa banda, a presidenta do PP local, Lara Meneses, explicou que a súa formación leva anos denunciando este problema tras recoller centos de queixas dos veciños e tamén insistindo ante o goberno local do BNG para que presionase ao Goberno de España na procura dunha solución urxente, “pero o Bloque, máis alá da foto para quedar ben e das iniciativas inservibles de cara a galería, non ten un interese real en solucionar esta cuestión porque iso suporía molestar ao PSOE en Madrid que, como todos sabemos, é algo que non fai nunca”.

Para a líder do PP de Tomiño, o Goberno de España e os socialistas son “os absolutos responsables” deste grave problema nunha sociedade tecnolóxica como a actual, “porque esquecen por completo ao noso concello como fan sempre coas necesidades da provincia de Pontevedra, á que teñen totalmente abandonada”. Sen embargo, tamén indicou que a alcaldesa, Sandra González, é “corresponsable e cómplice” porque leva 18 anos ao fronte do Concello e nunca mediou en serio nin conseguíu unha soa mellora en materia de cobertura “malia ser un problema acuciante, importante e crecente”.

Finalmente, Lara Meneses cifrou a gravidade do problema en que a mala cobertura afecta diariamente de xeito importante a 7.000 veciños, o que supón a metade do censo municipal, aínda que tamén ao resto de tomiñeses que se moven polo municipio –as zonas máis críticas son a PO-552 e a contorna do río Miño– e a os milleiros de condutores que circulan cada día por esa estrada autonómica. Así, e tras facer numerosas iniciativas no ámbito local, decidíu, xunto aos demais membros do PP local, elevar o asunto ao Congreso dos Deputados e incluso non descarta facer o propio no Parlamento de Galicia “porque todo o traballo, toda a presión e todas as iniciativas son boas e importantes para que Tomiño chegue, de verdade, ao século XXI”.