Os deputados do PPdeG Raúl Santamaría e Dolores Hermelo analizan coa presidenta de ESMAR as necesidades existentes na comarca de Arousa en materia de loita contra a violencia de xénero

15 de marzo de 2025. Os deputados do Grupo Popular Raúl Santamaría e Dolores Hermelo, reuníronse esta mañá coa presidenta de ESMAR, Soledad Cores, e membros do equipo directivo desta entidade para valorar as necesidades existentes na comarca de Arousa en materia de loita contra a violencia machista.
No encontro púxose de manifesto a necesidade de contar con xulgados especializados en violencia de xénero, ante o que os deputados populares volveron reivindicar a posta en marcha dos cinco unidades xudiciais comprometidas polo Goberno de Pedro Sánchez para Pontevedra, Ourense, Lugo, Santiago e Ferrol, unha reivindicación conxunta do Goberno galego e do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
MÁIS DE 55 MILLÓNS DE EUROS EN 2025
Así mesmo, Raúl Santamaría e Dolores Hermelo destacaron “o compromiso incuestionable da Xunta na loita contra a violencia de xénero, que se traduce en que fomos a primeira comunidade autónoma en crear un departamento específico dentro do Goberno galego e en poñer a disposición das vítimas unha axuda económica mensual ininterrompida, que lles permite iniciar unha vida afastada do maltrato”.
“Seguiremos traballando e demandando a mellora da atención que reciben as vítimas de violencia de xénero, xunto cun incremento progresivo dos recursos destinados tanto para a loita contra a violencia de xénero como para a igualdade, que no ano 2025 xa superan os 55 millóns de euros”, indicaron.