Os deputados do PPdeG destacan a “moi boa marcha” da obra da AG-42 Tui-A Guarda no treito entre o enlace ao polígono de Areas e a PO-350

18 de febreiro de 2026.-

Os deputados do grupo parlamentario do Partido Popular Julio García Comesaña e Moisés Rodríguez veñen de visitar as obras que a Xunta de Galicia está a realizar para a construción da autovía AG-42 Tui-A Guarda, en concreto no treito entre o enlace do polígono de Areas e a estrada autonómica PO-350, que levan “moi boa marcha” e avanzan segundo os prazos previstos co obxectivo de que estean rematadas ao longo do vindeiro ano 2027.

Acompañados dos voceiros do PP nos concellos de Tui, Nicolás Montes; Tomiño, Mónica Otero; e O Rosal, Carlos Rodríguez, así como da presidenta local do PP de Tomiño, Lara Meneses, e outros concelleiros populares da bisbarra, os deputados populares comprobaron sobre o terreo o avance das obras nunha infraestrutura clave para a mobilidade e o desenvolvemento do Baixo Miño. Durante o percorrido, puxeron en valor as actuacións xa realizadas, o que está en execución e o que está comprometido, destacando que a Xunta está a avanzar nesta infraestrutura con planificación, investimentos concretos e obras en execución.

En concreto, García Comesaña explicou que o tramo da AG-42 que se está a executar neste momento, entre o enlace ao polígono de Areas e a estrada PO-350, suporá un investimento próximo aos 18 millóns de euros. Os traballos neste treito de 3,2 quilómetros comezaron o pasado mes de xullo, cun prazo de execución de 24 meses.

O proxecto inclúe melloras na funcionalidade e a seguridade viaria, como a duplicación do paso inferior de acceso ao polígono de Areas e a ampliación dunha ponte de pedra na estrada PO-350 que ata agora non permitía o cruce simultáneo de dous vehículos pesados.

Este novo treito da AG-42 completarase cos ramais de enlace de Areas en sentido Tomiño, unha actuación que permitirá completar todos os movementos deste enlace e mellorar as conexións do polígono industrial situado neste punto.

MELLORA DA SEGURIDADE E DA MOBILIDADE

Pola súa banda, Moisés Rodríguez lembrou a posta en marcha no mes de febreiro de 2024 do treito de conexión da A-55 co polígono de Areas, no Concello de Tui, unha obra que superou os 25 millóns de euros de investimento. “Desde a súa posta en marcha, este viario permitiu desviar arredor de 4.500 vehículos diarios que antes circulaban pola estrada autonómica PO-552, mellorando notablemente a seguridade e a mobilidade na zona”, indicou o deputado tudense.

“A Xunta está a demostrar con feitos, con investimentos importantes e con obras estratéxicas que a autovía Tui-A Guarda é unha prioridade real para mellorar as comunicacións no Baixo Miño”, engadíu Julio García Comesaña.

Finalmente, os representantes municipais coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre administracións para seguir avanzando nesta infraestrutura, que permitirá reducir moito os tempos de desprazamento, mellorar a seguridade viaria e reforzar a cohesión territorial entre Tui, Tomiño, O Rosal e A Guarda.