Os deputados do PP revelan que o Goberno de España mantén en tramitación o lesivo proxecto da Variante de Caldas e anuncian medidas para confirmar a cancelación do actual trazado
Sábado, 18 de abril de 2026
Os deputados nacionais do PP Pedro Puy e Juan Bayón veñen de revelar que o Goberno de España mantén en tramitación o proxecto da Variante Oeste de Caldas, malia que o delegado do Goberno Pedro Blanco e o alcalde Jacobo Pérez informaran da súa cancelación, e anuncian o despregamento de medidas e iniciativas parlamentarias para confirmar a revogación definitiva desta actuación no que atinxe ao trazado proposto polo Ministerio de Transportes e rexeitado pola totalidade da veciñanza.
Os dous representantes populares, acompañados polo voceiro municipal do PP, Fernando Pérez, e os demais concelleiros, mantiveron esta mañá unha reunión urxente cos representantes das plataformas de afectados das parroquias de Saiar, Godos, Santa María e Bemil para trasladarlles a resposta oficial do ministerio á súa pregunta do pasado 6 de marzo sobre a Variante Oeste, xa que na mesma queda claro que o proxecto segue vixente.
“Desde o PP estamos moi preocupados e incluso perplexos pola información oficial que nos facilitou o Goberno de España, xa que o proxecto, segundo as súas propias palabras, non está finiquitado e semella que o Goberno de España está xogando cos veciños, pero xa temos emprendidas novas iniciativas en Madrid para saber o estado exacto do expediente porque isto é inadmisible”, manifestou Pedro Puy tras o encontro cos afectados.
En concreto, a resposta oficial remitida polo Goberno de España aos representantes populares, datada o pasado 10 de abril, sinala textualmente o seguinte: “Se encuentra en fase de recopilación de los informes de las administraciones públicas afectadas y en particular de los indicados en el artículo 37 de la Ley de Evaluación de Impacto Ambiental y de los informes sobre ordenación del territorio y ordenamiento urbanístico del artículo 16 de la Ley de Carreteras. Asimismo, se está procediendo al análisis de las alegaciones remitidas durante el proceso de información pública y de los informes de las administraciones públicas afectadas ya recibidos”.
Pedro Puy lembrou que fai exactamente 45 días o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, anunciou dun xeito totalmente anómalo, posto que non é membro do Goberno de España, a cancelación do proxecto, uns días despois confirmouse supostamente a través de Pedro Blanco e cúmprese exactamente un mes desde que o pleno de Caldas –o 18 de marzo– pedira formalmente a suspensión da Variante, tal e como se lle pedíu desde o Executivo noutra situación totalmente incomprensible.
“Con estes antecedentes, críamos que este trazado tan lesivo, que fendía o concello pola metade, xa estaba superado e agardabamos que na súa resposta falarían da suspensión do actual estudo informativo e a elaboración dun novo, xa que a Variante é imprescindible para Caldas, polo cal a sorpresa e a preocupación que nos levamos é grande e por iso comunicámosllo de primeira man aos veciños”, significou o deputado popular.
Pérez: “O alcalde estase rindo dos veciños”
Pola súa banda, Fernando Pérez calificou a resposta oficial de “inadmisible”, especialmente despois da “romaría socialista das últimas semanas para tratar de tapar as súas vergoñas” e incluso do “paripé” realizado onte polo alcalde cunha reunión con Pedro Blanco “supostamente para tratar un trazado alternativo que non se cre ninguén, xa que non anunciaron o percorrido e falaron de 12 millóns de orzamento cando o anterior ía a 54, e que só pretendía ser unha operación de marketing cando se enterou de que nos íamos reunir coas plataformas”. “É lamentable, estase rindo dos veciños”, significou.
Pérez lembrou que tentaron poñer en marcha este proxecto “para salvar a Alcaldía, foi defendido vehememente por Jacobo Pérez aínda que agora cambiara impostadamente de posición e que arroxa moitas dúbidas porque a cancelación segue sen publicarse no BOE”. Nesta liña, recalcou que o PP seguirá traballando para que se anule este trazado e para que, de inmediato, se faga un novo proxecto co percorrido aprobado por unanimidade polo pleno de Caldas no ano 2008, “xa que semella que ou ben queren acometer esta desfeita, xa que o seu plan tristemente segue vivo, ou ben queren deixarnos sen a imprescindible Variante”.