Os deputados do PP no Congreso presentarán unha nova iniciativa para esixir a mellora da estrada N-640 tras denunciar o seu “lamentable estado” en Cuntis
Cuntis, 11 de febreiro de 2026
Os tres deputados pontevedreses do PP no Congreso dos Deputados, Pedro Puy, Juan Bayón e Irene Garrido, van presentar unha nova iniciativa na Cámara Baixa para esixir ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible a mellora urxente da estrada nacional N-640 tras denunciar o seu “lamentable estado” ao seu paso por Cuntis. Os representantes populares coñeceron de primeira man as graves deficiencias e a perigosidade desta vía no municipio “tras anos de abandono por parte do Goberno do PSOE” tras seren convidados pola voceira, Isabel Couselo, e os concelleiros populares, que lles acompañaron nesta visita.
Pedro Puy explicou que o deterioro da estrada nacional, con Cuntis como un dos concellos máis afectados polas enormes fendas e roturas da plataforma, xa provocou que, en xaneiro de 2025, o Parlamento galego reclamase por unanimidade o seu arranxo integral e dita medida veu acompañada dunha iniciativa dos congresistas pontevedreses que tamén saíu aprobada “malia a abstención do PSOE”, o que xa deixaba ben ás claras a súa total falta de compromiso con esta necesaria actuación.
“Estamos ante unha estrada que é fundamental para Cuntis e para todo o interior da provincia de Pontevedra e que se atopa totalmente degradada, algo que sabe o propio Goberno de España e que, para acalar o clamor social, prometeu o ano pasado e incluso cifrou o investimento en 28 millóns de euros pero, coma sempre que se trata de Galicia, non fixo absolutamente nada”, sinalou o deputado, que reiterou que, desde o PP, vaise seguir insistindo nesta solicitude ata que se modernice esta vía.
Puy recalcou que “non se trata dun problema económico”, posto que o Goberno de España recada un 80% máis que no ano 2019 e incluso vén de renunciar, incomprensiblemente a 60.000 millóns procedentes de Europa para infraestruturas, “polo que estamos ante unha falta total de vontade política con Cuntis, cos seus veciños e cos cidadáns da provincia”.
Bacheos e promesas incumpridas
Pola súa banda, Isabel Couselo lembrou que esta N-640 é a arteria vertebradora do concello e é empregada diariamente por centos de veciños, “que xa non aguantan máis polo abandono que sufren do Goberno de España” e veñen incluso de crear unha plataforma de afectados “para expresar e canalizar o seu fartazgo”. A voceira popular, que recalcou que os cuntienses teñen todo o apoio do seu partido, lembrou que a formación local xa trasladou as súas demandas de maneira directa ante a Unidade de Estradas do Ministerio de Fomento e fixo varias propostas no pleno municipal, “pero lamentablemente no seo da corporación só se escoitan palabras baleiras e anuncios reiteradamente incumpridos por parte do alcalde, que non está a defender aos veciños como se merecen nin a esixir o que lle corresponde a Cuntis”.
A concelleira do PP lamentou que o ministerio non estea comprometido coa mellora integral que precisa urxentemente esta estrada e se limita a deixar pasar o tempo tapando baches e incluso facendo uns parches o pasado ano “que loxicamente xa están todos levantados”. “Estamos ante unha vía moi perigosa e insegura, cun elevado risco de siniestralidade, con accidentes moi graves incluso con vítimas, polo que esiximos a súa reforma integral para que deixen de xogar coa vida da xente”, rematou Couselo.