O primeiro temporal destapa a chapuza do balizamento en Cangas con boias varadas, chocando contra as rochas e á deriva
Cangas (Pontevedra), 29 de setembro do 2026.-
O primeiro temporal de outono rematou por constatar sobre o terreo as reiteradas denuncias do Partido Popular de Cangas respecto ás deficiencias, a improvisación e a falta de rigor coa que o goberno de BNG, PSOE e EU xestionou o balizamento estival dos areais. Nas últimas horas, as balizas despregadas nas praias do municipio comezaron a aparecer desprazadas da súa situación orixinal, batendo contra as rochas en zonas de rompente, varadas na area e, nalgúns casos, extraviadas sen control no mar.
Estes feitos ratifican as advertencias formuladas pola formación popular durante todo o verán: o sistema carecía da estabilidade técnica e o lastre mínimos, recorrendo para a súa fixación a bases plásticas e de formigón de valas de obra con pesos inferiores aos 30 quilos, un ancoraxe a todas luces incapaz de resistir as correntes habituais e o fondo da nosa ría.
A gravidade destas deficiencias técnicas vese agravada pola tramitación administrativa do servizo. Semanas despois de que o grupo maioritario da Corporación solicitase formalmente o acceso íntegro ao expediente de contratación e ás preceptivas autorizacións de fondeo, a única documentación que figura incorporada no rexistro municipal é a propia petición de información rexistrada polos populares. Esta opacidade sistemática deixa en evidencia a ausencia de trámites regulamentarios e o intento deliberado de tapar a nula xestión e a irresponsabilidade dos actuais responsables municipais.
Fronte ao relato do goberno local, que pretendeu xustificar o fondeo irregular escudándose nunha suposta «falta de resposta puntual» pola baixa laboral dun traballador, o procedemento legal para balizar o litoral esixe unha tramitación administrativa rigorosa que o tripartito sorteou por completo. A competencia para autorizar a ocupación do dominio público marítimo-terrestre recae na Demarcación de Costas, órgano que ademais ostenta a potestade sancionadora ante fondeos non regulados. Para que dita autorización sexa viable, resulta indispensable contar previamente co informe preceptivo e vinculante de Capitanía Marítima, o cal garante a seguridade da navegación e a protección da vida humana no mar.
A esta omisión engádese o incumprimento doutro requisito de máxima transcendencia técnica e medioambiental como é o informe de compatibilidade coas Estratexias Mariñas. Este trámite legal resulta obrigatorio para verificar con exactitude as características do fondo onde se depositan os mortos e fondeos, evitando afeccións e danos directos sobre os ecosistemas mariños. O executivo local prescindiu de todos estes controis preceptivos, executando unha actuación sen cobertura administrativa suficiente.
Moción aprobada
O descontrol evidenciado tras o temporal reforza a vixencia da moción defendida polo concelleiro popular Rafael Soliño e aprobada por unanimidade no último Pleno. O acordo vincula ao goberno local a auditar o servizo, cuantificar o material público extraviado, pedir informe a Capitanía Marítima e intervir as facturas da empresa contratada antes de realizar ningún pagamento con fondos municipais.
Resulta inasumible a resposta remitida por escrito polo executivo local, na que chegou a soster con absoluta insolvencia técnica que “a función da boia cómprese exactamente do mesmo xeito tanto se está tombada como noutra posición”. Unha afirmación temeraria que despreza a normativa náutica e que explica por que as balizas remataron rompendo amarras ao primeiro embate do mar. O Partido Popular esixe a retirada urxente dos elementos que continúan batendo contra a costa para evitar danos e demanda que se aclaren de inmediato as responsabilidades e custos que esta neglixencia carrexará ás arcas públicas de Cangas.
“Despois do visto estes últimos anos, xa poucas cousas sorprenden. Pode que agora se escusen en que todo estaba planificado para facilitar as tarefas de recollida ao final da tempada estival” ironizan. “O que si sorprende e o sinalamento ao persoal municipal que polo visto non pode estar de baixa laboral xa que, do contrario, o Concello paralízase. O de cubrir as baixas o deixan para outras administracións” rematan.