O PPdeG salienta o impulso do atractivo turístico e cultural que para Bueu supuxo a ampliación do Museo Massó

21 de setembro de 2025.

Os deputados do Grupo Popular Julio García Comesaña e Manuel Santos, acompañados da portavoz local do PP, Elena Estévez, salientaron hoxe o impulso do atractivo turístico e cultural que para Bueu supuxo a ampliación e mellora do Museo Massó, no que a Xunta de Galicia realizou un investimento de 1,4 millóns de euros.

García Comesaña e Santos subliñaron que esta intervención converteu ao Museo Massó “nun referente de primeiro nivel do patrimonio mariñeiro de Galicia”, ao incorporar as naves da antiga conserveira e dúas plantas da fábrica de salgadura Piñeiro, duplicando así a superficie expositiva.

Ademais, puxeron en valor a creación da Sala Lugrís, que permitirá exhibir fondos de gran relevancia, como a serie de seis pinturas de gran formato realizadas para o comedor das traballadoras da conserveira e que ocupan preto de 300 metros lineais.

PATRIMONIO CULTURAL E MARIÑEIRO

Os deputados populares salientan tamén a mellora das condicións xerais do centro museístico en materia enerxética e medioambiental, así como na seguridade, climatización e accesibilidade, o que reforza o compromiso do Goberno galego coa conservación e difusión do patrimonio cultural e mariñeiro.

“Con esta actuación a Xunta non só preserva a memoria mariñeira de Galicia, senón que tamén fortalece a oferta cultural e turística de Bueu e de toda a comarca”, destacou a portavoz popular, Elena Estévez Freire.