O PPdeG esixe desde Tui ao Goberno de Sánchez a aplicación do IVE franquiciado que xa existe en Portugal

Tui, 28 de febreiro de 2026.

Os deputados autonómicos do PPdeG Julio García Comesaña, Moisés Rodríguez Pérez, Manuel Santos Costa, Noelia Pérez Pérez, Felisa Rodríguez Carrera e o coordinador de Emprego do PPdeG, Pablo Fernández López, participaron este sábado no Parador de Tui nun encontro institucional hispano-luso organizado por APE Galicia (Asociación intersectorial e interterritorial de autónomos e pequenas empresas de Galicia) e a Asociación Empresarial Portuguesa (AEP)  co obxectivo de analizar a situación e as perspectivas do réxime de IVE franquiciado no espazo Galicia–Portugal.

Durante a reunión, os deputados populares resaltaron que desde o PPdeG seguirán impulsando iniciativas que descarguen presión fiscal e administrativa sobre os autónomos, convencidos de que aliviar custos e simplificar obrigas é clave para fortalecer o tecido produtivo da Eurorrexión e protexer o futuro do pequeno comercio e do emprendemento.

Deste xeito, os populares galegos esixiran ao Goberno de Sánchez, que rexeitou a medida, este IVE franquiciado polas vantaxes que suporía para os autónomos.

RÉXIME CLAVE PARA A COMPETITIVIDADE DOS PEQUENOS NEGOCIOS

Durante o encontro analizáronse as diferenzas normativas existentes entre España e Portugal en materia de IVE franquiciado e avaliouse o seu impacto directo na competitividade de autónomos e microempresas, especialmente nas zonas transfronteirizas.

Os participantes puxeron en común propostas para o seu traslado aos ámbitos autonómico, estatal e europeo, co fin de acelerar a transposición da Directiva europea 2020/285 ao ordenamento xurídico español.

Desde o PPdeG defendeuse que España non pode permanecer á marxe dunha simplificación fiscal impulsada pola Unión Europea e deseñada para reducir cargas administrativas aos micro-negocios.

O deputado popular Julio García Comesaña indicou que o  réxime de IVE franquiciado, xa aplicado noutros estados membros, permite eximir da liquidación periódica do imposto aos autónomos con baixo volume de facturación, reducindo custos fixos asociados á xestoría, erros administrativos e tempo de dedicación burocrática.

Este modelo xa existe en Portugal, que foi o que motivou a reunión, a que se comprometeran os deputados populares nunha visita á Asociación de autónomos galegos en Pontevedra, para escoitar de primeira man as vantaxes desta medida e a súa repercusión.

SIMPLIFICACIÓN REAL FRONTE AO AUMENTO DE CARGAS

Os deputados populares subliñaron que o IVE franquiciado non resolve problemas estruturais como o encarecemento dos alugueiros ou o impacto das plataformas dixitais, pero si elimina fricción administrativa e reduce o “medo regulatorio” que afecta especialmente a quen inicia ou mantén pequenos negocios.

Nun contexto de peches e perda de actividade no pequeno comercio, destacaron que calquera redución da carga burocrática constitúe unha política efectiva de prevención do peche empresarial.

O Grupo Popular reafirmou así o seu compromiso cos autónomos e emprendedores galegos, defendendo a necesidade de que o Goberno central proceda á transposición inmediata da Directiva europea para garantir igualdade de condicións competitivas con Portugal e co resto de Estados membros.

A xornada contou coa presenza, ademais dos representantes de organizacións de autónomos galegos e portugueses, con responsables institucionais vinculados ao ámbito económico e empresarial, que coincidiron na necesidade de avanzar cara a unha maior harmonización normativa que favoreza a competitividade dos pequenos negocios.