O PPdeG destaca o incremento de case 3,5 M€ nas transferencias da Xunta aos oito concellos de Deza e Tabeirós-Montes para o Servizo de Axuda no Fogar dos próximos tres anos
Agolada-Rodeiro, 11 de abril de 2026
O PPdeG destaca o incremento de 3.428.675 euros nas transferencias da Xunta de Galicia aos oito concellos das bisbarras de Deza e Tabeirós-Terra de Montes para o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) nos próximos tres anos, o que permitirá que os concellos de Lalín, A Estrada, Silleda, Vila de Cruces, Forcarei, Rodeiro, Agolada e Dozón poidan seguir mellorando esta prestación e implementando a súa sostibilidade económica.
Así o anunciaron os deputados Manuel Santos e Raúl Santamaría nunha dobre visita á zona, onde coñeceron o funcionamento das Casas do Maior de Rodeiro e Agolada –tamén impulsadas polo Goberno galego no eido social– xunto ás voceiras municipais, Cati Somoza e Carmen Seijas. Os parlamentarios deron conta das novas contías que se lles concederán aos oito concellos, sempre que o soliciten no prazo actualmente aberto, tras o anuncio por parte da Xunta de aumentar de forma progresiva o prezo por hora, pasando dos 12 euros en vigor ata o pasado 2025 a 16 euros no presente curso, 17 euros no vindeiro ano e 18 euros en 2028.
Deste xeito, Santos e Santamaría, que estiveron a departir cos maiores de Rodeiro e Agolada –incluso celebrando o aniversario dun usuario– e recolleron as súas inquedanzas e necesidades para seguir reforzando a política social da Xunta, explicaron que a Consellería de Política Social pasará a destinar 11,65 millóns de euros para o SAF dos oito concellos de Deza e Tabeirós-Montes nos próximos tres anos en vez dos pouco máis de 8 millóns que recibirían coa anterior achega de 12 euro por hora, o que supón un aumento do 41%. Iso si, lembraron que é imprescindible que as entidades locais soliciten a actualización destas contías no prazo dun mes actualmente en vigor, tendo en conta que o incremento do financiamento terá efectos retroactivas desde o pasado 1 de xaneiro.
“Está claro que somos o partido máis social e que máis se parece a Galicia, porque atendemos sempre as necesidades da xente máis vulnerable e da que precisa máis axuda da Xunta e por iso desde o PP emprendemos este enorme esforzo inversor para mellorar rotundamente o SAF, pero cremos que non hai ningunha medida que pague máis a pena”, manifestaron Manuel Santos e Raúl Santamaría, que destacaron especialmente a importancia desta medida nestas bisbarras de Deza e Tabeirós por tratarse das máis envellecidas da provincia e nas que se prestan anualmente 228.576 horas desta teleasistencia.
En canto ao financiamento da Xunta para o SAF para os oito concellos da zona queda fixado da seguinte maneira:
| Concello | 2025 | 2026 | 2027 | 2028 | Incremento 2026-2028 | Total 2026-2028 |
| Agolada | 283.023€ | 377.365€ | 400.950€ | 424.535€ | +353.779€ | 1.202.850€ |
| Dozón | 34.677€ | 46.236€ | 49.126€ | 52.016€ | +43.346€ | 147.377€ |
| A Estrada | 549.143€ | 732.190€ | 777.952€ | 823.714€ | +686.428€ | 2.333.856€ |
| Forcarei | 210.283€ | 280.377€ | 297.901€ | 315.424€ | +262.853€ | 893.702€ |
| Lalín | 770.381€ | 1.027.175€ | 1.091.373€ | 1.155.572€ | +962.976€ | 3.274.120€ |
| Rodeiro | 143.487€ | 191.317€ | 203.274€ | 215.231€ | +179.359€ | 609.822€ |
| Silleda | 413.126€ | 550.835€ | 585.262€ | 619.689€ | +516.408€ | 1.755.786€ |
| Cruces | 338.797€ | 451.729€ | 479.962€ | 508.195€ | +423.496€ | 1.439.887 |