O PPdeG denuncia a parálise do novo acceso e aparcadoiro no remozado IES Aquis Celenis polo Concello, que incumpre o acordo coa Xunta

Caldas de Reis, 19 de xuño de 2026.

O PPdeG vén de denunciar, a través dos seus deputados Raúl Santamaría e Manuel Santos, a absoluta parálise do proxecto para a ampliación do acceso e a construción dun aparcadoiro público nas inmediacións do remozado IES Aquis Celenis de Caldas de Reis, que acaba de ser modernizado e ampliado pola Xunta de Galicia cun investimento histórico de 5,4 millóns de euros.

Os parlamentarios, que visitaron o instituto na compaña do voceiro municipal do PP, Fernando Pérez, e doutros concelleiros populares, lamentaron a actitude do goberno bipartito encabezado por Jacobo Pérez, xa que lembraron que no acordo Xunta-Concello para a mellora do IES figuraba a obriga municipal de ensanchar a rúa e de dotar a esta contorna dun espazo de estacionamento, pero lamentaron que nos últimos trinta meses o executivo local non fixo nin un só avance, prexudicando deste xeito a mobilidade da comunidade educativa.

Os dous deputados, que abriron a posibilidade de interesarse por esta cuestión no Parlamento Galego, calificaron de “inadmisible” que o Concello de Caldas soubese das súas obrigas viarias e de equipamentos para unha obra tan importante e a Xunta “fose quen de redactar o proxecto, tramitalo, contratalo, executalo e ata inauguralo, hai unhas semanas coa presenza do presidente Rueda, e sigamos sen unha soa nova do acceso e do aparcadoiro”.

Pola súa banda, Fernando Pérez, que agradeceu unha nova visita dos parlamentarios para interesarse polos temas de Caldas, lembrou que a actuación do Concello no proxecto de ampliación do IES, que gañou 2.400 m2, foi totalmente obstruccionista, xa que ata bloqueou o inicio da obra por non cederlle unha parcela á adxudicataria para acopio de materiais malia comprometerse a iso.

E agora, coincidindo plenamente con Santamaría e Santos, o concelleiro popular criticou que nin se iniciase o procedemento de consecución de terreos para ensanchar o vial e crear o aparcadoiro, polo que, ademais das posibles iniciativas parlamentarias, anunciou que volverá a levar esta esixencia ao pleno municipal ante a gravidade desta cuestión. Neste senso, engadíu que a ampliación do acceso e o aparcadoiro lateral asinados no convenio Xunta-Concello permitirían ademais impedir o acceso de vehículos pola carballeira e contribuiría á peonalización total da zona a prol dos usuarios do instituto e do colexio Alfonso VII

“Fronte ao cumprimento e compromiso da Xunta con Caldas, co investimento educativo máis elevado da provincia no último ano, atopámonos cun goberno local ineficaz e incumpridor que nin comezou a tramitación do acceso e o aparcadoiro, nin hai noticias dela, coas conseguintes molestias para os centos de persoas que acuden cada día ao instituto”, rematou Fernando Pérez.