O PPdeG anima aos afectados polos incendios forestais a solicitar as axudas da Xunta para recuperar no posible todo o que perderon
6 de setembro de 2025
Os deputados do Grupo Popular Felisa Rodríguez e Miguel Fidalgo visitaron hoxe o lugar de Barreiros no concello de A Cañiza, un dos espazos afectados polos incendios forestais deste verán no que a efectividade dos equipos de extinción, xunto coa colaboración dos veciños, permitiron que os danos ocasionados polo lume nesta zona foran menores. Porén, os deputados animaron aos afectados a solicitar as axudas dispostas pola Xunta de Galicia para recuperar no posible o que perderon.
Acompañados da portavoz do PP en A Cañiza, Pilar Vicente, os deputados populares mantiveron un encontro con veciños do lugar de Barreiros, quen lles lembraron que o lume que afectou a esta zona comezou en varios puntos de xeito simultáneo e foi a rápida intervención dos servizos de extinción e o traballo dos veciños o que evitou que o lume chegara ás vivendas.
17 OFICINAS DE INFORMACIÓN PARA SOLICITAR AS AXUDAS
Os deputados populares incidiron que “o Goberno galego estivo, está a estará ao carón dos afectados polos incendios, tanto no momento no que ardía o monte como agora poñendo á súa disposición un completo paquete de axudas que xa poden solicitar desde o pasado luns 1 de setembro”.
En concreto, os interesados teñen á súa disposición 17 oficinas de información distribuídas por toda Galicia nas que lles asesorarán e facilitarán a realización das solicitudes, así como o teléfono de información 012 onde poderán consultar calquera cuestión relacionada co procedemento de solicitude.
Estas axudas poderán destinarse tanto para a reconstrución das vivendas que sufriron danos a consecuencia dos incendios, como para a reposición do mobiliario ou os utensilios domésticos afectados. Ademais, hai achegas específicas para a reparación ou substitución de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrarias; a adquisición de alimentación complementaria para o gando en extensivo ou para as colmeas superviventes nas zonas afectadas, así como indemnizacións pola morte de gando ou abellas; ou a reparación dos danos causados en pistas forestais, captacións de auga, cerramentos, bebedoiros ou comedeiros.
“É o momento de valorar os danos e facer as correspondentes solicitudes de axuda, tendo presente o compromiso do Goberno galego de axilizar o máximo posible a súa tramitación para que os afectados polos incendios poidan recuperar, na medida do posible e no menor tempo posible, a súa normalidade”, sinalaron.