O PP valora que o Concello active o proxecto da piscina climatizada malia que sexa “presionado polo clamor social” e esíxelle avances reais para evitar “unha cortina de fume”

Silleda, 1 de febreiro de 2025

O grupo municipal do PP de Silleda vén de valorar que o Concello active o proxecto de construción dunha piscina climatizada malia que sexa “presionado polo clamor social” xerado tras a campaña de recollida de sinaturas impulsada polos populares co respaldo de 1.725 veciños e esixíulle ao goberno socialista que realice avances reais, decididos e con prazos para que estas información non queden “nunha cortina de fume coa que tapar o descontento tras 16 anos de incumprimentos”.

O voceiro municipal, Ignacio Maril, que agradeceu o apoio dos veciños que secundarion a campaña, criticou as contradiccións neste asunto por parte do goberno socialista, o que xera moitas dúbidas sobre a certeza desta iniciativa, posto que anunciou a licitación dos pregos técnicos e administrativos previos á redacción do proxecto sen facer a enquisa veciñal sobre a demanda real que anunciou no pleno do pasado mes de decembro.

O concelleiro popular lembra que o executivo de Paula Fernández escudouse nesta sondaxe entre os cidadáns para non aceptar a proposta plenaria do PP para incluír a construción desta instalación acuática ao abeiro do Plan Provincia Extraordinaria impulsado pola Deputación de Pontevedra cuxas concesións se coñecerán nas próximas semanas.

“O goberno do PSOE, tras 16 anos prometendo e incumprindo a construción da piscina, buscou excusas e xustificacións ante a nosa proposta, respaldada por preto de 2.000 veciños, só porque non quere dar o brazo a torcer e porque é tan sectario que non quere nada que proveña do PP malia que sexa máis que positivo para os silledenses”, manifestou Maril, que advertíu que a intención do goberno local, “que temos que ver ata que punto vai ser real”, de recurrir a un réxime de concesión demanial –agardando que non teña os mesmos problemas de prezos para os veciños que a residencia– que inclúa a construción e a explotación do recinto “é un enorme risco e un tiro ao ar, xa que as condicións teñen que ser moi atractivas para que veña algunha empresa”.

Por iso, solicitoulles “seriedade e rigor, non como nos teñen acostumados” para que a demandada piscina climatizada sexa unha realidade, porque apuntou que, coa proposta do PP de optar polos fondos provinciais, a súa execución sería segura e, coa vía do goberno municipal, “podemos ter outra lexislatura perdida para esta instalación se queda deserta”.

 

“Non confía nas empresas de transporte de Silleda”

Noutra orde de cousas, Ignacio Maril lamentou o “desinterese absoluto” do goberno local na impartición dos cursos de natación municipais nas piscinas da Agasp da Estrada ou de Lalín e acusou aos socialistas de “tentar rebentar a proposta e os acordos alcanzados” polo PP coa concesionaria “negociando con toda a mala intención do mundo os prezos do transporte só para dicir que esta iniciativa era inviable economicamente”.

O concelleiro popular sinalou que a alcaldesa cifrou en 450 euros o alugueiro do autobús por cada sesión e en 1.350 euros o custe de cada xornada polo volume de inscritos, pero revelou que non pedíu orzamento a ningunha das tres empresas de transporte de Silleda, “o que demostra que non confía nas firmas do seu propio pobo”, e que as mesmas lle informaron que se podería facer por unha contía máis asequible, xa que se aforran alomenos dúas viaxes con respecto ás doutro municipio.

“Se negociou mal ex profeso temos que laméntalo pola súa mala fe, e se negociou o mellor que puido tamén hai que censurala pola súa neglixencia e incapacidade”, criticou o voceiro do PP, que tampouco comparte que desbotase a posibilidade de acudir a Lalín porque só ofrecía 40 prazas: “Cremos que é mellor 40 que ningunha”.