O PP tilda de “ocorrencia e amenaza» a inmobilización de contedores se detectan impropios e advirte de que poden deixar a moitos lugares sen ter onde depositar o lixo
Silleda, 9 de abril de 2026
O gupo municipal do PP de Silleda vén de calificar de “ocorrencia e amenaza aos veciños” a intención do goberno socialista de proceder á inmobilización de contedores de lixo se se detecta o depósito de residuos impropios e advirte de que dita medida pode deixar a moitos lugares e rúas sen ter onde botar os seus restos. “Non pode ser que a falta de civismo ou o erro, a sabendas ou non, duns poucos teña que ser pagado pola inmensa maioría dos veciños da súa contorna, porque ademais isto vai prexudicar e empeorar o servizo xa que a xente acabará deixando o lixo en calquera lado se a alternativa pasa por un desprazamento moi longo”, explicou o voceiro, Ignacio Maril.
Os populares insistiron no seu absoluto compromiso coa protección medioambiental e co camiño cara a sostibilidade, pedindo civismo e colaboración a toda a veciñanza, pero lamentaron as solucións ofrecidas polo Concello para investigar posibles infraccións na reciclaxe do lixo. “Poñerse a pechar contedores é matar moscas a canonazos”, aseveraron, antes de reclamar medidas alternativas para analizar estes feitos que sexan menos gravosas para os veciños.
Ignacio Maril tamén ve pouco efectiva a maneira de inmobilización dos contedores proposta polo goberno socialista para deixalos fóra de uso coa colocación dunha simple pegatina informativa: “Se hai algunha persoa que non cumpre coa reciclaxe, que lle fai pensar ao noso executivo que cun adhesivo non se van reproducir estes feitos ou que algún outro veciño vaise coutar de depositar a súa bolsa?”.
Ademais, o concelleiro popular ve nesta cuestión un paso máis no “afán recadatorio” do goberno de Paula Fernández, “que xa impuxo as taxas de recollida de lixo máis alta da comarca e que non lle chega nada con tal de seguir esquilmando aos silledenses, polo que agora xa abre a vía das multas en materia de reciclaxe que, chegado o caso, aínda que cremos que non é a solución, agardamos que se impoñan de materia xusta e sen tratos de favor”.
Para o voceiro do PP, a solución para favorecer a reciclaxe, manifestada pola práctica totalidade dos veciños, pasa pola dotación de máis contedores dos distintos residuos “que é algo que non hai na maioría de lugares e incluso nalgunhas rúas de Silleda e A Bandeira” e polo desenvolvemento de campañas de formación e concienciación.
“Os veciños quéixanse, e con razón, de que non teñen contedores de vidro, de papel, de aceite… preto das súas casas, polo que non ten sentido que o Concello lles esixa, con amenaza de multas, cando non pon os medios materiais para que cumpran. Pero é que ademais percibimos unha ausencia total de formación e información e incluso eivas e deficiencias na correcta periodicidade da recollida e vacíado dos contedores, polo que cremos que primeiro é o Concello o que se debe poñer as pilas en vez de lanzar ocorrencias que, de levarse a cabo, cremos que só van empeorar o sistema”, concluíu Maril.