O PP solicitará a mellora urxente das pistas Carboentes-Arnego, Vilafrío-Saborín, Vistuíde-Adelán e da Ponte despois de que Camiñas rebentara a súa transferencia á Deputación

Rodeiro, 29 de novembro de 2025

O grupo municipal do PP de Rodeiro vai solicitar ao Concello a mellora e ensanchamento urxentes das pistas Carboentes-Arnego, Vilafrío-Saborín, Vistuíde-Adelán e da Ponte (Pedroso) despois de que o alcalde, José Luis Camiñas, optara por rebentar a súa transferencia á Deputación de Pontevedra para que asumise a súa titularidade e posterior acondicionamento nun proceso de permuta por outras estradas provinciais.

A voceira municipal, Cati Somoza, explicou que o Concello de Rodeiro contaba cunha “oferta única e privilexiada” en toda a provincia de Pontevedra para que a Deputación asumise 18,3 quilómetros destas catro pistas municipais, xa que cómpre lembrar que o habitual é que sexan os concellos os que reclamen treitos de estradas ao organismo provincial e non como neste caso. O único condicionanente era que o goberno bipartito tiña que conseguir os terreos necesarios para proceder ao seu ensanchamento ata dispoñer dunha plataforma mínima de 7 metros para poder dotalas das medidas esixidas pola normativa para a rede de estradas provinciais. “Este caso é o perfecto exemplo da ineficacia de Camiñas e do seu goberno, que non ten cartos para arranxar as pistas nin capacidade de negociación e traballo para conseguir os terreos e posteriormente cederlas á Deputación”, lamentou a edil do PP.

Ante esta situación, a concelleira popular cre que o alcalde optou por seguir afondando na “negativa vía da confrontación, que tanto prexudica aos veciños” e botouse en brazos da belixerante actitude do PSOE provincial de montar unha “lea innecesaria” e rebentar o acordo que negociara directamente co presidente da Deputación, Luis López, a través dunha moción no pleno provincial “utilizando aos seus compañeiros socialistas de testaferros políticos e coa que confirmaba que rebentaba o traspaso destas estradas”. “Estamos ante a actuación máis anti-Rodeiro do presente século e o peor de todo é que foi protagonizada por un alcalde que é quen máis debía defender aos veciños, pero que decidíu empregar a vía da belixerancia para romper o acordo co único obxectivo de tapar a súa incapacidade para conseguir os terreos para ensanchalas”, sinalou a voceira.

Finalmente, Cati Somoza anunciou, ante a ruptura da transferencia viaria decretada unilateralmente por Camiñas, que o seu grupo presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno para que o Concello proceda á mellora e ensanchamento destas catro pistas municipais: “Son vías de titularidade municipal que están en moi mal estado, e dado que o alcalde dinamitou o acordo de permuta malia ter unha oferta privilexiada da Deputación, pois imos esixirlle que cumpra coa súa obriga de telas en boas condicións”.

 

O BNG non apoia esta demanda de Camiñas

Por outra banda, os populares quixeron engadir que a proposta do PSOE no pleno provincial, presentada a instancias de Camiñas para rebentar a oferta de transferencia das pistas, amosou a soidade na que se atopan o alcalde e os socialistas, posto que os deputados do BNG non apoiaron a moción na que se solicitaba o traspaso das estradas sen esixir o seu ensanchamento. “Ata o Bloque, socios de goberno de Camiñas de xeito interposto co outro alcalde, non se sumaron ás súas teses, xa que os veciños destas zonas queren que as súas estradas teñan unha anchura mínima de sete metros”, apostillou Somoza.