O PP solicita ao Goberno de España da rebaixa do IVE do peixe e os produtos do mar ata o tipo superreducido do 4% para favorecer o consumo e impulsar ao sector

Xoves, 29 de maio de 2025.-

O PP de Pontevedra vai solicitar ao Goberno de España, a través dunha moción que se debaterá mañá no pleno ordinario da Deputación correspondente ao mes de maio, a rebaixa do Imposto do Valor Engadido (IVE) do peixe e dos produtos do mar, que está situado no 10% e que os populares queren que teña un tipo superreducido do 4% para favorecer o seu consumo e impulsar ao sector.

O PP Provincial quere que os produtos do mar pasen a ser catalogados como alimentos básicos e que cese a súa discriminación con respecto a outros que xa se benefician do parámetro mínimo deste tributo e lembrou que esta solicitude está a ser recurrente desde o partido ao longo dos últimos anos “pero sempre se topou coa pechazón e o maltrato socialista cara Galicia, que é a máis prexudicada como a gran produtora de peixe de España e unha das comunidades onde máis se consume”.

Os populares explicaron que dita medida fiscal ten dous obxectivos e que pasan polo apoio e a dinamización económica dos sectores pesqueiro, mariñeiro e marisqueiro, de gran importancia na provincia con 22 lonxas e centros de venda, e por outra banda para tentar aumentar o consumo entre a poboación dado que está a caer con certa importancia desde a pandemia.

A produción do sector

Así, indicaron que na provincia de Pontevedra captúranse anualmente 26.062 toneladas anuais de peixe e 162.299 de mexilón, ás que hai que engadir outras cifras inferiores de produtos de acuicultura como a ameixa, o berberecho, a ostra ou a voandeira, por só citar algúns exemplos, que superan os 250 millóns de euros de volume de negocio por exercicio, segundo os datos oficiais do Anuario de Pesca de Galicia correspondentes ao ano 2024.

Ademais, o sector sostén milleiros de empregos nas dez lonxas e grandes centros de venda na ría e a zona marítima de Vigo (Vigo, Canido, A Guarda, Arcade, Baiona, Cangas, Moaña, Panxón, Redondela e Vilaboa), os 6 na de Pontevedra (Aldán-Hío, Bueu, Campelo, Marín, Portonovo e Pontevedra) e outros 6 na de Arousa (A Illa de Arousa, Cambados, Carril, O Grove, Vilanova e Vilaxoán).

E a elo engádese que un estudo recente da Universidade de Santiago de Compostela (USC) do ano 2023 sinala que a rebaixa do IVE nos produtos pesqueiros e marítimos xeraría un gran impulso no consumo e suporía un gran apoio ao sector, posto que calcula que permitiría crear uns 5.500 postos de traballo en Galicia e producir unha riqueza estimada duns 30 millóns de euros anuais.

A caída do consumo

E á importancia económica, laboral e social do sector, engádese o problema da caída do consumo de peixe nos últimos anos como consecuencia da inflación sufrida en España nestes tempos, que é unha cuestión que tamén afecta aos hábitos saudables, posto que o peixe e os produtos do mar están considerados entre os alimentos máis sans.

Así, en Galicia o consumo caeu nos últimos exercicios de 30 a 25 quilogramos por persoa e ano –unha cifra aínda moi superior aos 18 do resto de España–, polo que é preciso refrotar estas cifras, algo que, para o PP Provincial, “só está a facer a Xunta de Galicia co ‘Bono Peixe’ de 50 euros por persoa anunciado polo presidente Alfonso Rueda para aplicar este mesmo ano e coas demais medidas de colaboración e apoio co sector”.

Por todo elo, o PP considera “urxente e imprescindible” que o Goberno de España trate con “xustiza fiscal” ao peixe e os produtos do mar e lles rebaixe o IVE ao tipo superreducido do 4%, unha medida que tamén conta co apoio do Parlamento Europeo e da Comisión Europea e forma parte das demandas de todas as organizacións pesqueiras e vencelladas ao sector do mar.