O PP rexeita o festivo no Entroido porque os cambadeses non o queren en febreiro e insta ao alcalde a “resolver o problema porque é quen goberna e ten a responsabilidade”

Cambados, 9 de setembro de 2026

O grupo municipal do PP de Cambados rexeitou hoxe, no seo da comisión informativa previa ao pleno para a aprobación dos festivos locais de 2027, a inclusión dunha data non laborable no Entroido argumentando que os veciños non queren esa xornada libre no mes de febreiro e instou ao alcalde, Samuel Lago, a “resolver o problema, porque é el quen goberna e ten esa responsabilidade, aínda que entendemos que élle complicado porque non ten capacidade e ademais está nunha posición de extrema debilidade en minoría”.

Os populares mantiveron, neste encontro dos grupos municipais, a súa proposta como festivos locais de 2027 o Luns de Pascua, que favorecería moito a conciliación das familias e estiraría un día máis a Semana Santa, e o Día do Carme -venres 16 de xullo-, xa que é una data que o propio PP acordou coa confraría para honrar a unha vila eminentemente mariñeira e que ademais esperta consenso entre case todos os partidos.

Ademais, a formación liderada por Sabela Fole amosouse disposta a negociar alternativas, pero descartando o Entroido, “posto que o argumento do goberno local de que axuda á conciliación cáese polo seu propio peso, posto que nesa época hai tres días non lectivos consecutivos e só serviría como parche, ademais de que os cambadeses nos insisten en que non queren un festivo en febreiro”.

“O minguante goberno tripartito dixo que ía funcionar como un reloxio desde que botaron a José Ramón Abal, pero a realidade é que non son nin capaces de aprobar os festivos locais e iso sen falar do resto, que está totalmente paralizado ou abandonado”, lamentou a voceira municipal, que indicou que toda esta cuestión forma parte dunha estratexia da esquerda de Cambados de eliminar no futuro a Santa Mariña e trocala polo Entroido “no hipotético e triste caso de que sigan gobernando no futuro”.

Sabela Fole deixou claro o compromiso do seu partido de que, se alcanzan o goberno en maio de 2027, a súa proposta de festivos locais prioritaria será o San Bieito (11 de xullo) e a patroa Santa Mariña (18 de xullo), deixando como alternativa o Día do Carme, pero este ano é preciso buscar unha solución posto que os dous ‘días grandes’ da vila cadran en domingo.

“A esquerda quere eliminar as nosas tradicións e a nosa identidade e levan dous anos aproveitando que os festivos habituais coincidiron en fin de semana para tratar de meter o Entroido con calzador e tratar de crear un novo hábito, pero non estamos de acordo e, aínda que estamos totalmente abertos a negociar, tampouco imos aceptar cuestións nas que non cremos. Agora, o asunto está nas súas mans porque eles son os que gobernan, así que lles corresponde a eles, e tamén deben entender que están en minoría porque así o decidiron libremente”, concluíu.