O PP responsabiliza a Félix Juncal de “abandonar aos veciños e non defender os intereses” de Bueu na suba da taxa do lixo por pregarse ante as dúas alcaldesas do BNG

Bueu, 13 de setembro de 2025.

O grupo municipal do PP de Bueu vén de responsabilizar ao alcalde, Félix Juncal, de “abandonar aos case 12.000 veciños e non defender os intereses” do Concello na negociación, no seo da Mancomunidade do Morrazo, para aprobar unha forte suba da taxa do lixo para o ano 2026 e lamentou que se pregase aos desexos fiscais das dúas alcaldesas do BNG nos municipios de Cangas e Moaña.

Os populares lamentaron a “debilidade absoluta” do rexedor buenense por aceptar e tragar con que o tributo da limpeza vaia practicamente a duplicarse o vindeiro exercicio, xa que no caso das vivendas pasará de 67 a 126 euros e se situará practicamente ao nivel de Vigo e moi por riba de vilas como Redondela ou Lalín, que pagan 100 e 92 euros, respectivamente, entre outros moitos casos.

O PP de Bueu revelou que o rexedor tentou inicialmente reducir esta suba fronte aos intereses de Leticia Santos e Araceli Gestido, “pero en ningún caso por un exercicio de ‘buenismo’ e consideración cos veciños, senón porque sabe do forte malestar que hai na xente, xa que o goberno bipartito tamén nos vai cargar no peto un incremento do 17% no imposto de vehículos e non quería seguir queimando aos buenenses”.

“Juncal quería actuar con exclusivo tacticismo electoral, pero a nós valíanos con tal de que a taxa do lixo non tivera esa suba estratosférica coa que o BNG nos vai felicitar o 2026, pero ao final nin sequera defendeu iso nin defendeu aos veciños, que xa poden ir preparando a carteira para o ano que vén”, lamentou a voceira municipal, Elena Estévez, que tamén apuntou ao PSOE como corresponsable, xa que o aumento do 17% do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) vai saír adiante grazas aos seus votos.

Neste senso, a concelleira popular criticou a política económica do Bloque de Bueu, xa que “está orientada exclusivamente a modificar á alza as ordenanzas para que os veciños paguen máis impostos, pero non adican un minuto para sacar adiante uns orzamentos polos que levamos case tres anos agardando”, e tamén lamentou que os nacionalistas estean a converter o Concello “nun inferno fiscal no que se fríe aos veciños a impostos”. Así, informou que cada buenense con vivenda e vehículo –máis de 6.000– abonarán entre 62 e 81 euros máis en impostos municipais o próximo ano e sucesivos pola dobre suba da taxa do lixo e do IVTM.