O PP recupera a Alcaldía de Forcarei da man de Belén Cachafeiro para retomar a “xestión, o funcionamento democrático, a concordia social e a atención a todos os veciños”

Forcarei, 31 de xullo de 2025.-

O PP vén de recuperar a Alcaldía de Forcarei da man de Belén Cachafeiro (Forcarei, 1968), que xa dirixiu o Concello entre os anos 2012 e 2019, e gobernará o municipio desde xa mesmo cun xiro absoluto para retomar a “xestión eficaz, o funcionamento democrático, a concordia social e a atención a todos os veciños”.

Os populares conseguiron sacar adiante este mediodía a moción de censura presentada o pasado día 16 cos seis votos que representan a maioría absoluta do pleno da corporación, revogando deste xeito o mandato da socialista Verónica Pichel, que accedeu ao cargo tras os comicios de 2019 e 2023 malia perder senllas eleccións municipais grazas a “pactos de perdedores co BNG que se demostraron totalmente inútiles e inservibles para os forcaricenses”.

Por elo, o PP presentou esta moción de censura para corrixir “o rumbo errático, sen un só orzamento nos seis anos de goberno socialista, cun marcado deterioro dos servizos públicos municipais, con perdas millonarias de axudas concedidas por distintas administracións que superan os 3 millóns de euros desde 2019 e cun forte autoritarismo e sectarismo por parte da xa ex rexedora, que só recibía e se interesaba polas cuestións dos seus afíns e que tiña totalmente abandonada á maioría da veciñanza de Forcarei”.

No pleno celebrado esta mañá, Belén Cachafeiro e o PP local estiveron arroupados pola secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, máis dunha vintena de cargos do partido e máis dun cento de veciños, que portaron carteis de apoio á nova alcaldesa.

Na súa intervención de investidura, Belén Cachafeiro lembrou que o PP é o partido máis representativo de Forcarei, xa que gañou as pasadas eleccións municipais co 48,3% dos votos, e amosou a súa ledicia por regresar á Alcaldía, “posto que Forcarei é o meu lugar no mundo e onde sempre quero estar”.

 

Un goberno forte con maioría

Ademais, anunciou que vai conformar un goberno “forte, unido e cohesionado, moi lonxe do que sufrimos durante estes seis anos” e que vai comezar a traballar de inmediato conformado polos cinco concelleiros do PP e o edil non adscrito Rafael Fiestras, do que louvou a súa coherencia, valentía, criterio e defensa dos intereses xerais dos veciños “por enriba dos caprichos que, en solitario, pretendía impoñer a ex rexedora socialista”.

En canto á súa folla de ruta, Cachafeiro indicou que a súa principal prioridade será salvar o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que está en claro risco por falta de fondos desde o pasado mes de xuño e cunha prórroga concedida irregularmente que vence a mediados do mes de setembro. “Hai que sacar adiante con urxencia os orzamentos e licitar o servizo canto antes para que todo poida funcionar sen o actual medo a perder o servizo”, precisou.

Así mesmo, tamén engadiu que outras accións iniciais e urxentes serán a recuperación das relacións institucionais con Xunta e Deputación para superar a confrontación actual e acadar fondos para os grandes investimentos, comezar a atender ás parroquias, que están totalmente abandonadas, recibir e atender a todos os veciños, pagar as axudas pendentes ás asociacións e colectivos e esixir ao Ministerio de Transportes que invista os 4 millóns de euros na N-541 comprometidos hai tres anos, entre outras.

“Hoxe comeza unha nova etapa en Forcarei que afrontamos coa maior das ilusións, que abre a esperanza e o futuro fronte á pechazón e o illamento que padecemos nos últimos seis anos e na que os protagonistas serán os máis de 3.000 forcaricenses, absolutamente todos”, concluíu a nova alcaldesa.