O PP reclamará no Congreso dos Deputados a reactivación urxente do proxecto da Variante Oeste de Caldas co trazado, sen afeccións, aprobado polo pleno en 2008
Sábado, 21 de marzo de 2026.-
Os parlamentarios pontevedreses do PP, Pedro Puy, Irene Garrido e Juan Bayón, van reclamar no Congreso dos Deputados a reactivación urxente do proxecto da Variante Oeste de Caldas de Reis coa inclusión no mesmo do trazado, sen afeccións a vivendas, empresas e cidadáns, aprobado por unanimidade no pleno da vila termal no ano 2008.
Os deputados anunciaron novas iniciativas en Madrid en torno a esta infraestrutura nunha visita realizada a Caldas na que estiveron acompañados polo voceiro municipal do PP, Fernando Pérez, do que destacaron o seu liderado no rexeitamento ao recente estudo informativo tan lesivo para o territorio do municipio e a súa insistencia na necesidade urxente dunha Variante Oeste para corrixir o grave problema de tráfico que padece o centro urbano.
Pedro Puy explicou que a vila leva anos sufrindo cun colapso circulatorio que debe ser solucionado “e que pensabamos que era tido en conta polo Ministerio de Transportes con anos de supostos traballos e compromiso”, pero lamentou que o único que recibíu a localidade “fose un proxecto que se aprobou malia o rexeitamento da totalidade da veciñanza e que só servíu para dilapidar os 800.000 euros do seu custe”.
Por iso, o deputado pontevedrés anunciou que van dar continuidade a iniciativas anteriores no Congreso e van solicitar o expediente da suposta cancelación do estudo informativo ao tempo que preguntarán polas intencións, previsións, cronograma e orzamentos para retomar de maneira inmediata a Variante Oeste “tan necesaria para Caldas e que ten unha fácil solución, posto que o propio pleno xa lles marcou o trazado, pero o que non pode ser é que suspendan o seu propio erro e non teñan alternativas para este problema de tráfico”.
Pola súa banda, Fernando Pérez agradeceu o traballo dos tres parlamentarios do PP, “xa que foi moi intenso, deunos vos en Madrid e foi fundamental para que se tumbase esta desfeita xunto coa forte contestación das plataformas e dos veciños”. Pero en todo caso, e valorando positivamente que se cancelase o estudo informativo, o voceiro popular insistíu en que Caldas “necesita canto antes unha variante pola densidade de tráfico que presenta” e lamentou que os oito anos de goberno de Pedro Sánchez “non permitirán rexistrar nin un só avance e só servirán para cabrear e preocupar aos veciños”.
O concelleiro do PP lembrou que o trazado “xa está decidido” desde hai 18 anos e só hai que “amosar vontade política” para actívalo, algo que cre que non sucedeu neste “proxecto estrano” que foi anunciado na busca de rédito electoral antes das municipais de 2023, que foi publicado ás agochadas o pasado verán e que só pretendía “salvar ao alcalde da próxima hecatombe electoral” tentando vendelo como un xestor que “non hai que esquecerse que defendeu este proxecto ata que comprobou o absoluto rexeitamento social”.
Finalmente, Fernando Pérez advertíu de que o PP, coa axuda dos deputados, os senadores e os grupos autonómicos e provincial no Parlamento e na Deputación, respectivamente, “non vai consentir que, tras esta cancelación, o Goberno e o PSOE abandonen novamente a Caldas e nos deixen sen variante, que é o que pretenden facer”.