O PP reclama obras de mantemento na Praza de Abastos de Cambados e a recuperación do ambicioso proxecto de rehabilitación tras once anos de abandono polo cuatripartito
Cambados, 23 de maio de 2026
O grupo municipal do PP de Cambados vén de cursar unha proposta plenaria, a través dunha moción, na que reclama a execución urxente de obras de mantemento na Praza de Abastos e a recuperación do ambicioso proxecto de rehabilitación deste recinto comercial que data de 2015 tras denunciar os once anos de abandono cara esta instalación por parte do goberno cuatripartito.
Os populares cambadeses solicitan a realización de tarefas de conservación ante o evidente mal estado de cuestións básicas do inmoble, a reparación dos moitos elementos danados ou rotos, o establecemento dun plan periódico de actuacións para evitar que no futuro volva caer no pésimo estado actual, a licitación inmediata dos moitos postos baleiros e que se retome o proxecto de reforma integral deseñado hai máis dunha década e que roldaba, por aquel entón, os 3 millóns de euros.
A formación liderada por Sabela Fole lembrou que a Praza de Abastos é a infraestrutura comercial máis importante da vila e conta con gran valor económico e social e unha fonda tradición mariñeira pola súa situación estratéxica e o peso do sector do mar na súa actividade. Aínda así, lamentou que o seu estado actual “dista moito do que debía ter como mercado de referencia”, posto que o seu deterioro tras anos de abandono e inacción por parte do goberno local “provoca que teña importantes deficiencias estruturais e de mantemento que lastran o volume de negocio e a propia imaxe de Cambados”.
Entre os problemas detectados polos populares destacan a presenza de moita suciedade, elementos rotos, ferruxe en case todas as pezas metálicas, falta de auga quente para os postos, portas en mal estado e aspectos insalubres que xeran a presenza de insectos nas épocas de calor. Todo isto, está a provocar unha importante perda de actividade coa renuncia de vendedores e cada vez máis postos baleiros que aceleran a sensación de crecente abandono do recinto.
Con estes feitos sobre a mesa, Sabela Fole acusou ao goberno de Samuel Lago de ser o exclusivo responsable do “evidente deterioro” do mercado co conseguinte prexuízo para a actividade comercial e a imaxe de Cambados e ademais lamentou a súa cativez de miras e incapacidade de xestión por continuar coa súa “desesperante, incesante e eterna políticas de recurtes”, posto que foron baixando a futura actuación deste recinto de 3 millóns de euros a só 400.000 “en caso de que sexan quen de sacala adiante, que é algo que dubida todo Cambados tras once anos pasando absolutamente do mercado”.
Neste senso, a concelleira revelou o “pasotismo” do goberno con este asunto, posto que en maio do ano pasado reuníronse coa Xunta para pedir unha subvención para redactar o proxecto e finalmente presentaron un escrito formal desistiendo da axuda tras o requerimento feito ante a contía insuficiente, de só 14.000 euros, e agora deron un novo paso solicitando 27.000 euros á Deputación “pero cremos que, tras once anos, non é a axilidade que merece a nosa praza”.