O PP reclama a Transportes que retome de xeito urxente o proxecto de reforma e mellora da Avenida de Redondela en Chapela tras unha década de abandono

Redondela, 15 de abril de 2026.-

O grupo municipal do PP vai reclamar ao Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible que retome de xeito urxente o proxecto de reforma e mellora da Avenida de Redondela na localidade de Chapela, correspondente ao tramo urbano da estrada N-552, tras case unha década de abandono e inacción á hora de acometer unhas actuación imprescindibles polo seu deteriorado estado.

Ante esta situación, os populares anunciaron a presentación dunha próxima iniciativa plenaria para que o goberno local tramite de inmediato unha solicitude formal ante o citado departamento estatal co obxectivo de recuperar e executar a demanda de obras tramitada hai case dez anos por Javier Bas desde a Alcaldía da man da Asociación da AP-9 e responsables de Estradas do Estado. Paralelamente, a moción tamén pedirá de xeito urxente a esta unidade o arranxo das deficiencias en materia de seguridade viaria para minimizar o risco de accidentes.

O voceiro municipal, Javier Bas, lembrou que, no seu momento co PP no goberno local, fíxose un percorrido por esta vía de Chapela desde o límite con Teis ata o Alto da Encarnación e, froito do mesmo, elaborouse un borrador trasladado ao entón Ministerio de Fomento. Pero pouco despois producíuse un cambio tanto no goberno local como no Executivo central “e ambas administracións esquecéronse por completo das necesidades deste eixo viario” fundamental para a veciñanza de Chapela e que conta cun elevado tránsito de coches e peóns para o acceso ao centro de saúde, instituto, pavilón, igrexa e moitos comercios da localidade.

Entre as demandas reclamadas polos populares figuran a recolocación dos semáforos, que están situados en puntos pouco estratéxicos que non dan unha solución eficaz aos peóns; a modernización e ampliación da iluminación, que actualmente é escasa e obsoleta principalmente na entrada a Cidadelle; os arranxos das beirarrúas, que se atopan en moi mal estado de conservación con fochancas e losetas levantadas e que impiden a accesibilidades para persoas con mobilidade reducida; a necesidade de reforzar a limpeza e as rozas posto que a maleza e as silveiras dificultan o tránsito dos peóns; e a habilitación dun acceso que permita a entrada cara o camiño de Parada.

“Hai case dez anos estas obras xa eran totalmente necesarias, pero Digna Rivas nin se preocupou de reclamalas no seu habitual abandono a Chapela, e agora, pasado todo este tempo, a situación é alarmante porque todo este eixo viario fundamental deteriorouse aínda máis ata chegar á situación deplorable na que se atopa hoxe en día, polo que cremos que é de xustiza solicitar que, dunha vez por todas, o PSOE cumpra minimamente con Chapela”, aseverou Javier Bas.