O PP provincial presenta na Deputación unha moción para instar ao Goberno a que dea comezo de inmediato as obras de mellora viaria da
N-120 ao seu paso por Ponteareas
Pontevedra, 9 de setembro de 2025.-
O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra presentará este venres no Pleno unha moción na que se insta ao Goberno de España a que dea comezo de inmediato as obras de mellora da seguridade viaria da estrada N-120 ao seu paso polo concello de Ponteareas, tal e como adiantou a alcaldesa e deputada provincial, Nava Castro.
Desde o Concello de Ponteareas levan máis de 8 anos reclamando melloras urxentes para o tramo da N-120 que atravesa as parroquias de Xinzo, Arnoso e Areas, que padecen un alto volume de tráfico e alto risco de sinistralidade. Nava Castro indicou que este proxecto de modernización desta vía nacional constitúe unha demanda histórica da vila, motivada por unha importante densidade de tráfico -ao redor de 17.000 vehículos diarios- e a proximidade deste eixo a núcleos urbanos consolidados, o que xera situacións de grave risco para os peóns e condutores.
Esta problemática situación foi reiteradamente denunciada tanto por toda a corporación municipal de Ponteareas como pola asociación veciñal Plataforma N-120, tal e como indicou a deputada provincial.
“Presentamos esta iniciativa e o venres imos a cortar a N-120 á altura da Igrexa dos Remedios porque levamos varios anos traballando xunto coa plataforma e en xaneiro xa quedamos todos os grupos municipais de goberno xunto con a Plataforma N-120 de acordar e remitir ao Ministerio a inmediata execución das obras da mellora de seguridade da N-120.En vista de que non soubemos nada, volvemos remitir un escrito ao ministro Óscar Puente, que nos remitiu ao director xeral de Fomento e a súa resposta, pois en realidade deixounos abraiados, polo que todos os grupos políticos acordamos levar a cabo distintas accións para reivindicar que se fagan as obras e se executen as obras inmediatamente”, avanzou Nava Castro.
As actuacións previstas -entre as que destacan oito glorietas, sendas peonís, mellora de sinalización, balizamento e renovación do firme- son vitais para garantir a seguridade. Pero con todo, a día de hoxe o único que teñen no Concello é un proxecto en fase de redacción, sen datas nin prazos concretos para a súa licitación e execución. E ademais a derradeira comunicación oficial do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible confirma que o proxecto de mellora da seguridade viaria no tramo urbano da N-120 en Ponteareas continúa totalmente paralizado, sen un cronograma definido nin compromiso orzamentario.
Por elo, o Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Pontevedra apoia totalmente á corporación municipal de Ponteareas e á plataforma cidadá, xa que a situación actual na que se atopa esta estrada é insostible e a seguridade dos usuarios da N-120 non pode seguir en risco pola inacción administrativa do Ministerio.