O PP Provincial levará ao pleno da Deputación o rexeitamento á presunta corrupción instalada no PSOE e na contorna de Pedro Sánchez e a depuración de responsabilidades políticas
Mércores, 18 de xuño de 2025
O Grupo Provincial do PP de Pontevedra vén de presentar unha moción para debater no pleno da Deputación na que expresa o seu absoluto rexeitamento á presunta corrupción, aínda que evidente polos audios e o informe da UCO da Garda Civil, instalada no PSOE e na contorna persoal e política do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.
Os populares, que agradecen a sensibilidade do presidente da Deputación, Luis López, por convocar a sesión á maior celeridade de xeito urxente e extraordinario ante a gravidade dos feitos, pretenden, entre outras medidas, que o pleno provincial esixa ao Goberno de España a inmediata depuración de responsabilidades e a revisión dos acordos por parte dos seus socios do Executivo e que o presidente proceda á disolución das Cortes e a convocatoria inmediata das eleccións xerais para que decidan os cidadáns.
“Estamos ante unha etapa terriblemente escura de deterioro institucional e corrupción que acurrala ao presidente do Goberno e que, lamentablemente, se agocha nun discurso ditatorial para tapar os feitos e para afrontar unha situación gravísima de vergoña, despropósito e dano reputacional”, advertiu o voceiro provincial do PP, Jorge Cubela.
Na súa proposta, os populares tamén piden a condena da corporación provincial ás acusacións socialistas e dos seus socios aos xuíces e xornalistas que están a destapar toda esta trama de presunta corrupción no PSOE, o requerimiento ao Goberno de España para que adopte as medidas necesarias para colaborar activamente con todas as instancias xudiciais, parlamentarias e administrativas que investigan estas irregularidades e que se proceda á retirada de nomeamentos e recoñecementos en favor de persoas vencelladas con esta trama, entre as que se atopa a ex directora de Infraestruturas da Deputación durante o bipartito e ex presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, que recibíu a Medalla da Cidade de Vigo por decisión do alcalde, Abel Caballero.
“Pedro Sánchez e o PSOE están sumindo á institución executiva máis alta do Estado nunha situación de crise de confianza da maior dimensión e, lonxe de colaborar, ataca a quen non lle baila a auga ante un malestar cidadá practicamente unánime xerando unha perda de lexitimidade institucional gravísima e unha forte degradación do marco democrático”, sinalou Cubela, que tamén lamentou a “actitude indulxente” dos socios, e principalmente do BNG, que acusou á Xustiza pouco menos que de perseguir ao PSOE “nunha postura de covardía e complicidade que son unha auténtica aberración e vergoña e que demostra que son un partido completamente inservible para os valores democráticos”.
Finalmente, o voceiro provincial criticou a “mensaxe desoladora” do presidente do Goberno admitindo que non adianta as eleccións xerais “porque perdeu a confianza do pobo” e rexeita un executivo alternativo do PP co único obxectivo de impedir o necesario cambio de goberno. “Está a recoñecer de xeito implícito que perdería as eleccións e a presidencia e que por iso prefire manter secuestrada a vontade cidadá cun goberno que non representa á inmensa maioría dos españois, que aborrecen estas prácticas de corrupción. Polo tanto, estamos ante un presidente que admite que nin vai gobernar nin quere gobernar, só quere que non o faga o PP malia que gañou as pasadas eleccións xerais e volverá a gañar as seguintes como partido maioritario e máis representativo dos cidadáns”, concluiu o voceiro popular.