O PP provincial lamenta que as alcaldesas e alcaldes socialistas teñan a “un inimigo dos concellos” entre parte dos seus compañeiros e esixe coñecer a postura oficial do PSOE sobre os fondos do Plan Extra da Deputación

Sábado, 28 de marzo de 2026

O PP Provincial de Pontevedra vén de lamentar que as alcaldesas e alcaldes socialistas da provincia teñan a “un inimigo dos concellos” que non apoian a recepción dos necesarios fondos para as arcas municipais entre parte dos seus compañeiros de partido tras os distintos posicionamentos dos nove deputados provinciais do PSOE na votación do Plan Extra da Deputación, que permitirá investir 37 millóns en 57 municipios. Ademais, esixe coñecer a postura oficial do PSOE sobre este programa extraordinario de investimentos impulsado polo presidente, Luis López, xa que os rexedores e tamén os cidadáns teñen dereito a saber se queren colaborar ou obstruír a vida municipal.

Os populares calificaron de “esperpento” o episodio protagonizado polos deputados socialistas, con seis abstencións e tres votos a favor do Plan Extra no pleno provincial –saíu adiante con 21 votos de PP, BNG e os citados socialistas dun total de 27– e afeáronlle á voceira, Ana Laura Iglesias, que mentise co seu intento de xustificación de que outorgaban liberdade de voto para que os seus alcaldes puidesen apoialo por coherencia. Así, o plan impulsado polo PP tivo o voto a favor dos alcaldes de Redondela e Gondomar, pero tamén do deputado Carlos Gómez, de Baiona, que non ten responsabilidades de goberno e está na oposición, “co cal se desmonta a teoría defendida pola representante socialista”.

Ademais, desde o PP Provincial sinalaron que a “enorme fractura interna” do PSOE na provincia evidenciouse de xeito clamoroso na reunión a porta pechada que celebraron tras o pleno, “na que se fixeron patentes estas grandes diverxencias con berros e palabras elevadas de ton” e na que se manifestaron abertamente estas dúas posturas orixinadas polo “nerviosismo e temor de moitos rexedores socialistas da provincia por esta deriva baseada na confrontación directa co PP que cren que lles pode facer moito dano ante as municipais de 2027”.

“O PSOE leva moito tempo totalmente desnortado na provincia de Pontevedra e en xeral en toda Galicia cunha tendencia de forte declive que lles está pasando factura e que moitos deles temen que estoupe nas eleccións do próximo ano”, indicaron desde o PP Provincial, que agarda que a partires de agora os socialistas “deixen de estar pedindo todos os días fondos para os concellos porque realmente non cren no municipalismo e fano coa boca pequena, xa que, cando teñen a oportunidade de aproabr unha millonada, póñense de perfil e abstéñense, porque realmente lles daba pudor votar en contra que é o que querían facer realmente”.

Desde o PP tamén se preguntan se os seis deputados socialistas que se abstiveron no Plan Extra fixérono “porque preferían mandar eses cartos para Cataluña, que é a onde eles queren destinar todo o diñeiro público” e tamén se cuestionaron se a voceira, Ana Laura Iglesias, informou ao seu compañeiro o alcalde da Illa e aos veciños deste municipio que non ía apoiarlles o proxecto co gallo da súa derradeira visita política a este concello.

Finalmente, os populares pedíronlle aos socialistas que deixen de criticar que toda esta situación se deriva da actuación política do presidente da Deputación por ser tamén o máximo responsable provincial do partido, xa que lembraron que Carmela Silva compartiu o cargo de presidenta do organismo provincial co de presidenta do PSdeG durante máis de ano e medio e, segundo eles, “iso non a inhabilitaba para dirixir a institución malia que os seus mandatos caracterizáronse polo sectarismo levado ao extremo”.