O PP presenta unha solicitude formal á Deputación para que o torneo provincial de balonmán 5×5 na rúa se celebre na Cañiza

A Cañiza, 14 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP da Cañiza vén de presentarlle unha solicitude formal á Deputación de Pontevedra, a través do seu presidente, Luis López, para que o torneo provincial de balonmán 5×5 na rúa se celebre na capital da comarca da Paradanta, posto que este deporte é embaixador e enseña da vila e ten un gran peso social.

A voceira municipal, Pilar Vicente, e os demais concelleiros acaban de manter un encontro de traballo co máximo responsable provincial na súa sede co obxectivo de abordar diversas cuestións de interese e, entre as mesmas, destacou a presentación desta solicitude para que A Cañiza sexa este ano a capital do balonmán infantil.

“Trátase da primeira edición que vai organizar a Deputación, en colaboración coa Federación Galega de Balonmán, tras a exitosa experiencia piloto celebrada o pasado ano nas rúas de Pontevedra e trasladámoslle que A Cañiza é o lugar idóneo para este gran evento deportivo e ademais consideramos que sería unha gran oportunidade social, deportiva e incluso económica para moitos negocios do noso concello”, detallou a edil.

Pilar Vicente agradeceu a sensibilidade do presidente da Deputación con esta demanda e a boa acollida que tivo sobre a mesma e amosouse confiada en que, tras valoralo cos servizos técnicos da área provincial de Deportes, se acepte a candidatura da Cañiza para esta competición.

O torneo provincial de balonmán 5×5 na rúa celébrase durante seis xornadas consecutivas nunha pista móbil de minibalonmán nas categorías benxamín e alevín –alomenos durante a súa experiencia piloto e as mesmas poderían verse ampliadas– e acolle a centos de deportistas de toda a provincia.