O PP oporase ao pago de 192.000 euros para facturas pendentes “xa que Intervención alerta de ilegalidades e non imos avalar a presunta corrupción do PSOE tamén en Redondela”

Redondela, 25 de xuño de 2025.-

O grupo municipal do PP de Redondela anunciou hoxe a súa oposición e o seu voto en contra do Recoñecemento Extraxudicial de Crédito (REC) de 192.000 euros que se levará ao pleno do xoves para pagar facturas pendentes e atrasadas e especifica que este procedemento está cheo de irregularidades que, en ningún caso, poden contar co seu apoio.

“Cremos que os provedores teñen dereito a cobrar polas obras e servizos prestados, pero neste caso o pago destas facturas non pode contar co noso apoio, porque o informe do Departamento de Intervención alerta de ilegalidades e non imos avalar, en ningún caso, a presunta corrupción do PSOE tamén en Redondela”, sinalaron os populares.

O PP revela que o informe dos técnicos económicos do Concello é “demoledor”, xa que concreta que se trata de traballos ou equipamentos subministrados previo contrato verbal ou con prórrogas tácitas de servizos e engade que dito procedemento de contratación está taxativamente prohibido agás en casos de emerxencia, especificando que, en todos estes casos, “son gastos recurrentes, para nada excepcionais, senón periódicos, ou ben efectuados tras unha vulneración grave por prescindir do procedemento establecido”.

Ademais, o documento de Intervención lembra que as prórrogas tácitas dos contratos públicos son ilegais, que as obrigas por obras e servizos de anos anteriores non poden cumprirse a través dun REC, senón que deben incorporarse ao orzamento municipal coa conseguinte partida e que, na súa totalidade, “son gastos indebidamente adquiridos”.

O PP tamén desvelou que Intervención alerta no seu informe de que o acordo favorable do pleno “non eximirá da esixencia das responsabilidades ás que houbera lugar” e incluso insiste na existencia de “posibles responsabilidades pola infracción do ordenamento xurídico en materia penal, contable ou administrativa”.

“O PSOE está inmerso nunha dinámica en Madrid que tristemente todos coñecemos e que parece que está ampliando ás súas agrupacións locais, pero para estas prácticas irregulares de contratación desde logo non poden contar con nós. En todo caso, non nos consideramos vinculados a esta maneira de gobernar e Digna Rivas terá que pedirlle a quen levantou a man para que sexa alcaldesa, BNG e AER, que ao final son cómplices destas prácticas e corresponsables destas facturas, que fagan o mesmo para aprobar o REC. É o lío no que meteron a Redondela e son eles os que teñen que actuar e asumir as consecuencias”, advertiron desde o PP, que deixou claro que eles defenden “a legalidade, a transparencia e a limpeza”.

Finalmente, os populares concluíron acusando á alcaldesa de “mentir de xeito populista para tentar poñer á opinión pública ao seu favor, asegurando que son cartos só para provedores locais, e botándonos enriba á xente para que o REC se aprobe e se poidan pagar as facturas, pero os que teñen cobros pendentes teñen que saber que a única responsable é Dignas Rivas, que foi quen lles encargou os traballos”. Neste senso, desvelaron que a gran maioría do diñeiro adebedado polo Concello e incluído neste procedemento pertence a empresas de fóra de Redondela.